Procesión laica en honra de Vidal Bolaño

"Se isto non se amaña, Santa Bolaña"

O pasado 22 de decembro, ao caer da tarde, unha estraña, singular romaría atravesou Compostela. Músicos, teatreiros, espontáneas, algún rostro coñecido pola televisión, simples amantes da troula, celebraban Roberto Vidal Bolaño, a súa vida, a súa obra, a súa ollada sobre a cidade. A procesión da Santa Bolaña volvía á améndoa histórica da capital.
 

santa bolaña 1
photo_camera A Santa Bolaña do pasado 22 de decembro diante da facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela. Foto: cedida.

“Queriamos probar se aínda funciona a capacidade de construír tradicións culturais laicas”, explica Carlos Santiago, dramaturgo, poeta e activista da causa bolaña. El estivo entre os pioneiros que, en 2012 e ao abeiro da candidatura municipalista compostelá Candidatura do Povo, argallaron a primeira Santa Bolaña. Tres edicións consecutivas e un hiato, só resolto en 2018.

“Había xente nostálxica que intentou convencernos ao grupo que, daquela, a puxéramos en marcha. O posíbel apoio do Concello [finalmente concretado] acabou por decidirnos”, di. Foi así que a estadea cómica e crítica dos bolañistas recuperou as rúas do Santiago natal de Vidal Bolaño (1950-2002). O percorrido arrincou da asociación veciñal Brañas de Andrés, en Pelamios, e concluíu no Teatro Principal.

santa bolaña

Entre partida e chegada, lectura de textos do autor de Rastros (1998), posta en escena de guerrilla para obra de novas escritoras, recitado de ladaíñas lucidamente impertinentes co retrouso de “se isto non se amaña, Santa Bolaña”, poemas de combate. Todos os materiais escritos recolleunos o volume Santa Bolaña 2018 (Edicións Positivas, 2019), coordinado por Clara Gayo e con pezas de Esther F. Carrodeguas, Mónica Camaño, Ana Carreira, Roi Vidal Ponte e o Grupo Oportunista de Drama Flavia Antonia (Zé Paredes, Clara Gayo e Carlos Santiago).

“Sempre, dende o inicio, tivemos a intención de que a procesión transcendese a figura de Roberto”, sinala Santiago, “el é o deus ex machina que nos permite reivindicar un teatro popular, unha arte creada no espazo humano, e dar a coñecer a dramaturxia actual. É o noso medium simbólico”.

A cidade que xa non existe

A romería, que causou “entusiasmo entre turistas abraiados e nativos admirados” e na que houbo “hilarantes e brillantes intres”, é tamén unha viaxe ás outras Compostelas. Aquelas que a reconversión turística sepultou pero que existen nas memorias colectivas e individuais. Ou en obras do propio Vidal Bolaño tan potentes, suxestivas como Doentes (1998), Días sen gloria (1992) ou As actas escuras (1994).

O Santiago de Bolaño era ademais o Santiago de abaixo, de moinantes e resistentes, de buscavidas, de tolos, de rebeldes. “A cidade cada vez se diferencia máis da cidade de Roberto”, considera Carlos Santiago, “aquela era unha cidade soterrada aínda nas sombras que el, con outras xentes do teatro como Anxo Rei Ballesteros, trataban de arrincar. Unha cidade de tabernas e tendas de queixos rancios da Primeira Guerra Mundial, en que a Quintana era o centro onde sucedía todo”.

A Santa Bolaña 2018 propúxose ademais reivindicar a liberdade de expresión -ameazada concretamente na figura de Carlos Santiago, denunciado pola ultradereita a causa do seu pregon de Entroido de 2018- “da única maneira que lle cabe, exercéndoa e convocando a propios e estraños á celebración festiva do feito teatral”. Que, todo parece indicar, continuará o ano que vén.

Nota: detalle da cuberta do volume colectivo Santa Bolaña 2018, con deseño de Pancho Lapeña e Pepe Penabade.

Comentarios