xoves 04.06.2020

Isabel Mociño: "En tempos coma este ler pode salvarnos"

Isabel Mociño é profesora e investigadora na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo no Campus de Ourense e forma parte de diversos grupos de investigación sobre Literatura Infantil e Xuvenil (LIX). Coordinou a obra LibroObxecto e Xénero. Estudos ao redor do libro infantil como artefacto, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo e que recompila artigos de diversas estudosas deste ámbito. Conversamos con ela sobre o estado do álbum ilustrado e sobre o estado da LIX na Galiza
Isabel , profesora e investigadora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo (Imaxe: Eduardo Castro Bal)
Isabel , profesora e investigadora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo (Imaxe: Eduardo Castro Bal)

—Cando xorde esta publicación que fala do libro como obxecto e da reivindicación do xénero?

Comezou en 2016, cando un grupo de investigadoras ao redor da LIX de diferentes universidades españolas e portuguesas nos reunimos na Universidade de Aveiro para reflexionar sobre o álbum ilustrado e a tendencia deste formato pola posta en valor da materialidade. Todas eramos conscientes de que nos últimos anos era cada vez maior a presenza no mercado de formatos arriscados, dun grande investimento nos elementos materiais do libro, de obras onde imaxes e textos configuraban novas formas de ler, ao levarnos a lecturas multimodais e sinestésicas... Aquela primeira reunión deu pé a outra en Huesca e posteriormente en Ourense, onde traballamos ao redor do xénero, porque en moitas ocasións o labor feminino queda nun segundo plano de forma inmerecida. 

—Como foi o proceso de coordinación dos diversos artigos?

O labor de coordinación non é complicado nun grupo ben articulado e comprometido coma este. Houbo algunha demora con respecto á data prevista de publicación, pero estes proxectos colectivos son posíbeis grazas á voluntariedade das persoas. O feito de levarmos anos colaborando e pertencermos a áreas de coñecemento similares facilita moito o proceso de supervisión e corrección.

—Atopamos na obra moitos textos que demostran que o futuro do libro está na súa consideración como obxecto. Que subxace tras esta idea?

O futuro do libro non sei cal será. Nunha sociedade cambiante e inestábel como a actual todo se reinventa a unha velocidade sorprendente. O que nos permite traballar sobre un sector do libro, como é o libro-obxecto, é observar algunhas tendencias, estratexias, hibridacións, apostas inéditas... Nos traballos non hai certezas extrapolábeis á produción en xeral, pero si nos permiten percibir que existe unha relación directa entre o avance das novas tecnoloxías e o interese por chegar ao novo lector polialfabetizado.

—Nestes estudos do libro como obxecto, as mulleres teñen un papel importantísimo, aínda que ás veces fican na sombra. Que tarefas desenvolven?

No volume todos os traballos toman como referencia o labor das mulleres ao longo das últimas décadas ou a súa presenza nas obras analizadas. En xeral obsérvase que o labor das mulleres está presente en todos os planos: como escritoras, ilustradoras, deseñadoras, editoras, enxeñeiras do papel... E na maior parte dos casos son figuras con traxectorias polifacéticas e formacións multidisciplinares.

—Aínda que se trata dun libro de investigación, a súa linguaxe é moi divulgativa. Cre que poden ser artigos interesantes para o profesorado, mais tamén para o público lector?

Por suposto, ese era o obxectivo prioritario. Non queremos restrinxir a obra ao ámbito da investigación, senón facer transferencia á sociedade. De especial interese para nós é sempre a formación de mediadores, sobre todo docentes, aínda que tamén persoal de bibliotecas, ludotecas, espazos de animación cultural e, como non, nais e pais. 

—Está o futuro do libro vinculado á materialidade do mesmo? Xa se adoita defender que os libros fermosos convivirán cos formatos dixitais durante moito tempo.

Para lectores polialfabetizados como son as novas xeracións, contar con libros animados, vivos, cos que interactuar e ante os que desenvolver lecturas activas é un aspecto importante. Isto non quere dicir que o futuro estea só na materialidade, pois as grandes obras de todos os tempos permanecen pola súa atemporalidade e vixencia. Non obstante, o investimento ao redor da materialidade promove formas diversas de se achegar á lectura, a medio camiño entre o libro máis tradicional e os novos dispositivos electrónicos. Unha convivencia necesaria e complementaria, nunca excluínte.

—De que forma o libro intervén na socialización dos máis pequenos e pequenas?

As nosas lecturas de infancia impregnan en boa medida a nosa personalidade. Nelas quedan pegadas indelébeis: o contacto coas persoas de referencia, as lecturas compartidas, o afecto, as conversas sobre as lecturas, a descuberta do mundo... No contacto precoz co libro tamén se reafirma a nosa educación estética e emocional.

—No seu texto fala do libro–obxecto como un artefacto de infinitas lecturas. Pode desenvolver esta idea?

Si, no texto analizamos a miña compañeira Eulalia Agrelo e mais eu un álbum particular, que é Artefactes, ou paseante anónimo atopa un libro, publicado por Kalandraka en 2003. Eliximos esta obra por considerala un bo exemplo da potencialidade do álbum ilustrado ao ser un excelente instrumento de educación literaria, transgresor de expectativas lectoras, de hibridacións artísticas e por propiciar tantas lecturas posíbeis como lectores que se acheguen a ela. Un auténtico artefacto cultural, de carácter transliterario e transmedial, ao superar o textocentrismo e desenvolver un diálogo entre diferentes linguaxes. Unha obra que esixe un "prosumidor", un lector activo.

—Como se configura a cultura híbrida, esa que conxugue a cultura letrada e a cultura cibernética?

Co diálogo interartístico, con estratexias que son propias dunha expresión e pasan a formar parte doutra, con produtos culturais que non renuncian ás posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías mantendo a esencia da cultura letrada, esa á que temos que atraer os máis novos para que adquiran todo o acervo de coñecementos e de habilidades que dela se desprenden, como o pensamento crítico e creativo. 

—O artigo de Virginia Calvo Valios explora o papel do libro no proceso de inmersión dun grupo de nais inmigrantes en Aragón, de maneira que aparece a idea de que as historias escritas poden axudar a cambiar o mundo. De que forma cre que os libros axudan á sociedade?

Os bos libros axudan precisamente a (re)pensar e (re)pensarnos, a cuestionar realidades e a encarnar soños. A ser libres e reivindicar o noso dereito a mudar o mundo. Ensaiar a través da ficción, coñecer referentes, vivenciar experiencias, empatizar coas personaxes que coñecemos nos libros... son vías que nos preparan para a vida e que nos moven á acción.

—Desde a súa óptica de investigadora do libro infantil e xuvenil, cal é a diagnose do estado que fai desta literatura na Galiza?

Estamos a vivir momentos moi difíciles. Xa pasamos outros, pero a literatura para a infancia vén demostrando na Galiza que o futuro é posíbel. Son optimista e sigo con esperanza o esforzo titánico de todo o sistema para seguir creando lectoras e lectores conscientes da cultura de noso.

—Como podemos acabar coa imaxe deostada que existe na sociedade da LIX?

A única forma de acabar coas imaxes deostadas é co coñecemento. Se unha sociedade non valora a literatura que alimenta as novas xeracións é que non valora a propia infancia. Se non dá valor á riqueza cultural que debe transmitirlle aos que están chamados a facer o futuro é que ten moi pouca autoestima. En calquera dos dous casos está presente unha crise de valores e sobre todo de prioridades.

—O libro ten que competir hoxe en día con moitas alternativas de ocio. Cales son as chaves para fomentar a lectura?

Saber ler. Contaxiar o gusto por ler. A lectura ten que ser unha experiencia gozosa, de descuberta, pero sobre todo de encontro con unha mesma. Crear hábito lector non é doado. E cando o feito de ler convertémolo nun instrumento educativo estamos matando ao futuro lector ou lectora. Ao mellor é por iso que temos unha sociedade moi pouco crítica. En tempos como os actuais a lectura pode salvarnos.

—Unha pregunta complexa, que títulos recomenda ti para que un neno ou nena se inicie na lectura, para que prenda o 'gancho lector'?

Falaría máis ben de modelos afectivos, de persoas de referencia que contaxien o gusto por ler. Para isto non existen receitas. Cada persoa é un mundo. Hai xeracións que se iniciaron coa palabra oral, logo chegaron aos libros e foron grandes lectores. O "gancho" é ás veces a máis insospeitada das obras que circulan e coa que de repente ocorre o encontro máxico. Cada lector ou lectora ten que atopar o(s) seu(s) libro(s).

 

comentarios