Estreou esta peza unipersoal no Pazo da Cultura de Carballo

Isabel Risco realiza con 'Bravas' un percorrido pola historia das mulleres

O 25-N foi o día escollido para a estrea do segundo espectáculo unipersoal da actriz Isabel Risco, Bravas. A nosa historia con saias e a rachar. Un relato, a través do tempo, das mulleres galegas, para evitar o silencio e a invisibilidade. 
isabelrisco
photo_camera A actriz, durante un dos ensaios de 'Bravas'. (Foto: Nós Diario)

A estrea de Bravas tivo lugar en Carballo, no Pazo da Cultura, para un máximo de 30 persoas, posto que o concello, como toda a comarca de Bergantiños, conta co máximo nivel de restricións para evitar a propagación da Covid-19.

"Bravas é unha viaxe espazo temporal polas nosas mulleres,  porque cremos que foron moi importantes na transformación da nosa sociedade", conta Isabel Risco en declaracións a Nós Diario, "desta maneira dámoslles un altofalante, dámoslles voz ou polo menos intentámolo". 

A actriz conta que o espectáculo pretende traballar o individual e mais o colectivo, e así foi tamén o proceso creativo, para o que contou coa colaboración de Paula Carballeira, Xurxo Barcala ou Clara Gayo.

"Cada unha amosou a muller en diferentes épocas desde a súa perspectiva e, no caso do século XXIII, traballei con Roi Vidal, nunha perspectiva aberta do futuro no que tratamos de conseguir a liberdade total e absoluta da muller", di a protagonista de Bravas, "e se logramos a liberdade das mulleres, o país vai detrás", sentencia.

O espectáculo que se estreou onte conta con dúas ferramentas  para reivindicar e visibilizar a muller, o humor e o documento.

Respecto do primeiro, Isabel Risco asegura que "as galegas temos un humor peculiar, a retranca, que é o resultado da nosa propia historia, a dun país reprimido, oprimido".

"As mulleres, ao mesmo tempo que vivimos nun país, dalgún xeito maltratado, sufrimos a nivel estrutural unha desigualdade brutal", engade Risco, "o noso humor é ferramenta de defensa, dámoslle a volta ao drama transformándoo en algo cómico como bálsamo", conclúe. Segundo a actriz de Bravas, "no eido do humor as mulleres aínda non conseguimos o noso espazo".

No relativo ao documento histórico, a actriz analiza que "todo o mundo, polo menos en Occidente, sabe quen foi Xoana de Arco, pero se cadra hai moita xente que non sabe quen foi María Soliña, ou María Miramontes".

"María Soliña foi quen de organizar entre mulleres a defensa da ría de Vigo", destaca, para engadir que "María Castaña foi unha especie de Robin Hood, ou a mesma Pepa a Loba, entre o mito e a realidade".

Risco recalca que cre que "as xeracións máis novas deben ter eses referentes, non precisamos referentes de fóra, témolos aquí".

Máis alá do contido e da mensaxe da montaxe teatral, as medidas sanitarias derivadas da Covid-19 tamén transformaron a estrea de Bravas. A redución da capacidade do patio de butacas foi algo que a fixo "sentir coxa, porque son un ser moi social e tamén, cando fas algo así, falo para amosarllo á xente".

"O proceso do humor é, ademais, enerxético", di Risco, "e o público é o teu compañeiro, o teu aliado, aínda que esteas soa no escenario".

Sobre esta anómala situación  de 2020, a actriz destaca a seguridade no sector cultural. A este respecto afirma, "a xente coas máscaras fai un grande esforzo por ser expresiva e tamén ten ganas, ten falta de espectáculos".

Contra o silencio e a invisibilización das mulleres na historia

Bravas é o segundo espectáculo unipersoal de Isabel Risco, logo da experiencia de Nabiza girl.

Desta volta bota man de textos de Clara Gayo, Paula Carballeira, Roi Vidal, Xurxo Barcala, Fran Rei e ela mesma, para levar á escena a muller galega de calquera tempo pasado, presente ou futuro.

Coa dirección de Fran Rei, Isabel Risco propón un "xogo desde o teatro cómico e comprometido" dunha maneira "alegre e combativa", porque entende que "se non podemos bailar, se non é divertíndonos, tampouco é a nosa revolución". 


Bravas é unha produción. de Culturactiva e Maquinaria Pesada,"sobre mulleres sen medo, que forman parte dun valoroso clan que elas mesmas paren, crían, manteñen e constrúen cos alicerces da rebeldía, da rebelión, da ilusión", reza a sinopse da peza.

Comentarios