mércores 25/11/20

Isabel Rei Samartim, profesora de conservatorio: "Coa miña tese demostro que a guitarra é un instrumento galego desde sempre"

Isabel Rei coa súa tese de doutoramento.
Isabel Rei coa súa tese de doutoramento.

Sete anos oficiais, e algúns máis de pesquisas, empregou a estradense Isabel Rei Samartim para rematar a súa tese de doutoramento e probar que a guitarra é un instrumento galego. En conversa telefónica para esta entrevista amosa toda a paixón de quen dedicou por enteiro a súa vida a este obxectivo. No seu traballo, que agardamos vexa pronto a luz nalgunha editorial galega, descobre non só nomes de músicos que tocaron e compuxeron con este instrumento senón tamén  obradoiros que deron vida ás guitarras máis recoñecidas.    

Lembra a primeira vez que tivo contacto cunha guitarra?

Na miña casa. Meu pai era músico, acordeonista, e meteulle a idea a meu irmán Francisco, que se converteu nun cantautor galego, autodidacta e cunha sensibilidade especial. Comecei con el e sempre había unha guitarra na casa. Con oito anos teño conciencia de que me aprendera e logo xa estudei no Conservatorio. 

Cales son as conclusións da súa tese sobre a guitarra na Galiza?

Eu tiña a hipótese que quedou demostrada, que a guitarra é un instrumento galego desde sempre, desde que hai documentos. A miña tese comeza no século XII e remata no XIX, facer o século vinte representaría tres anos máis de investigación. Iso que chamamos guitarra española é outra cousa. Unha segunda conclusión é que o instrumento non se adapta a Galiza de tal modo que houbo unha reacción no país e nos medios cando se comezou a estabelecer a idea de guitarra española, a finais do século XIX. Xurdiu a idea de contar coa gaita galega como instrumento nacional e pasou a converterse nunha reivindicación identitaria, e por desgraza a guitarra, que tamén era un instrumento galego, ficou como instrumento non galego. No nome 'guitarra española' hai unha ideoloxía, moi nacionalista española. Eu tento desfacer esa idea. 

A guitarra é un instrumento histórico antigo artesanal. Este traballo é unha conta pendente coa sociedade, desde que cheguei ao Conservatorio dicían que eu tocaba a guitarra española. Temos un repertorio universal na Galiza tocada por galegas e galegos, tamén construtores que case non están estudados. Este é o primeiro gran traballo sobre a guitarra na Galiza. Tiven que viaxar por todo o país, fixen un mapa dos lugares relacionados coa guitarra.

Podería adiantarnos algúns nomes propios que aparecen na súa tese?

A primeira que hai que nomear é Avelina Valadares, coñecida como poeta, e irmá de Marcial Valadares. Ambos eran da Estrada e compuxeron para guitarra como músicos amadores. Hai que reivindicar tamén Juan Parga, de Ferrol, que casou e marchou para Andalucía e alí fixo case toda a súa carreira, mais tamén foi profesor de varios conservatorios. Tamén Ramón Gutierrez Parada, de Ourense. Era barbeiro, guitarrista e director de orquestra. Outro nome esencial é Javier Pintos Fonseca, de Pontevedra, a alma municipal desa cidade a finais do século XIX. Conservamos del un dos fondos de partituras máis grande desa época. 

Na construción de guitarras descubrín a Francisco González, que era de Córgomo na primeira metade do século XIX. Facía algo de todo, especializouse en guitarra en Madrid e alí téñeno como mestre da saga familiar de Casa Ramírez. Lembrar que tamén construía guitarras a súa filla Concepción González, que quedou co obradoiro de seu pai cando morreu. Outro sería Francisco Núñez, do Baixo Miño, que emigrou a Bos Aires na segunda metade do século XIX e montou a que foi a maior tenda de guitarras da capital arxentina.

Como se debería difundir a guitarra na Galiza?

Eu fago conferencias-concerto sobre mulleres guitarristas galegas. Sempre falo de Avelina Valladares e tamén de Rosalía de Castro, que tocaba a guitarra. A poeta tocaba varios instrumentos e en poemas como a Alborada está pensada para música. Mágoa non conservar as partituras que empregaba.

comentarios