xoves 24/09/20
Entrevista

Isaac Xubín: "Ser un intruso fíxome observar a identidade como algo moito máis consciente do que a xente cre"

O último poemario de Isaac Xubín, 'Xenealoxía dun intruso' (Galaxia, 2020), afonda na concepción da súa identidade galega, desde fóra, cunha consciencia da propia construción. O poeta repasa en conversa con 'Nós Diario' as chaves desta obra persoal, na que tamén xura: "estas lembranzas nosas / nunca serán cadáver".
Isaac Xubín [Davide Cabaleiro].
Isaac Xubín [Davide Cabaleiro].

"O poeta é un intruso", afírmase no reverso do libro. Ten realmente esta concepción do oficio?

É algo máis a nivel da miña vida. Ao ter morado en tantos lugares desde cativo teño esa sensación, por exemplo, de non ter amigos da infancia, de afacerme cada  catro ou cinco anos a un colexio e unha sociedade nova. E cando marchei da casa, comecei coa mesma dinámica. Por iso teño a impresión de ser sempre un intruso, alguén que está fóra, e ao tempo tamén de disimular para non parecelo. Traduzo e escribo desde esa perspectiva.

Aínda que eu me identifico como galego, non vivín na Galiza até os 10 anos. Os meus pais eran galegos e leváronme nacer á Galiza para que fose "galego completo". Porén, se boto contas, seguro que vivín máis tempo fóra. Logo, a lingua galega é algo que adoptei eu, porque na casa non me falaban galego. O feito de ser un intruso penso que me facilitou observar a identidade como algo moito máis consciente do que a xente cre. Cando falamos dela parece que nos referimos a cousas que nos veñen dadas e son inmutábeis, que non temos marxe para modificar. Pero somos o que somos non porque queiramos, senón porque nos vén de atrás. E non é así, é moi voluntario. No meu caso, o nacemento non foi un accidente: leváronme a nacer para que nos meus documentos houbese un topónimo galego e poder dicir que son galego.

Un topónimo que ademais vostede adopta como apelido.

Efectivamente. Xubín era a casa da miña nai, nunha aldea de Oleiros. Coincidiu no tempo que cando comecei a escribir a familia decidiu vender a propiedade, que era o único lugar físico que  para min permanecía inmutábel ao longo da miña infancia, onde ía sempre pasar as vacacións. Pensei que a maneira de mantelo vivo era levalo no nome. 

En que momento e por que decide comezar a falar galego?

Foi no instituto. Supoño que se xuntaron moitas cousas. Chegou un intre no que me decatei de que para que a lingua sobrevivise, se perdía falantes era preciso que algunhas persoas se pasasen a el. Ante esa dicotomía moral, se me preocupaba e sabía cal era a solución, non quedaba máis remedio que dar o paso.

Isto está moi relacionado con que na época da miña adolescencia a cultura galega tiña uns produtos (aínda non me gusta chamalo así) de moi boa calidade: o Xabarín, a música bravú, a literatura... Creo que se algunha vez se fai un estudo de cantos neofalantes houbo en cada década, aquilo foi unha explosión. E non só porque a xente estivese moi comprometida, pois para ser neo- falante hai que superar moitas trabas impostas pola sociedade e a única maneira de facerlles fronte neste proceso solitario (non foi un cambio en grupo) é ter ao teu carón eses produtos de calidade indubidábel e que moitos dos compañeiros tamén consumían.

Parece que ás veces nos sentimos na obriga de consumir cultura galegas porque si, e penso que é importante apostarmos naquelas cousas que están ben feitas e teñen proxección no tempo. Se queremos cambiar actitudes, ten que ser coa calidade, non co número nin coa militancia.

Neste senso, volvendo ao libro, hai unha chamada á acción en versos como "alguén debería comezar a tirar / do gatillo dunha vez por todas".

Nese poema hai ademais varias referencias a cancións vascas, que enlazan co que che comentaba da calidade. Todo o que está pasando alí está funcionando porque a cultura vasca, desde hai 40 anos, ten unha calidade brutal, desde Chillida a Fermín Muguruza. É moi fácil sentirte adherido a esa cultura. Por iso puideron saír fóra das fronteiras grupos como Kortatu, con tan mala prensa como tiñan. Non saían nas emisoras de radio, pero vendían moitos máis discos fóra que grupos de moda nos 40 Principales. E o importante non é o que dicían, senón que eran bos.

Pero volvendo á pregunta, a identidade pódese construír, as cousas non son tan inmutábeis como nos fan crer. E todo se resolve con acción. Algo que me saca moito da miña tranquilidade cando falamos dos galegos é o autoodio. En Euskal Herria ou Irlanda tamén había. Pero algunhas culturas saben xestionalo, revolverse e mudalo, mentres outras parece que estamos co San Benito de sermos así. Non nos audoodiamos porque sexamos así, senón porque había (e hai) unha situación social que nos convida a facelo. Hai que pórse mans á obra para mudalo, como fixeron os vascos.

Sempre comento o caso de Argala, que vivía na casa coa súa avoa, pero como seus pais non lle falaban en euskera, en toda a súa vida apenas intercambiou “ola”, “boas noites” e pouco máis. Alí tamén había autoodio, pero conseguiron cambialo. Cadaquén ten a súa maneira de superar os seus demos e as súas pantasmas.

Así tamén di: "A única herdanza que recibín / foi un feixe cartesiano que me axudou a destruílo todo / mesmo o propio sistema de coordenadas".

O ollo crítico é sempre sospeitar do que che vén de atrás, vai moito polo tema da identidade construída, no meu caso de maneira literal. Isto ten inconvenientes, como non ter ese contacto diario ou semanal coa familia. Eu só vía aboa parte nas vacacións. Pero por outra banda, a miña relación co meu irmán é moi forte. Se tiven algún amigo da infancia é el. No poemario a imaxe do irmán xoga un papel fundamental.

Xusto chama a atención o uso do mito de Antígona na obra, con varios poemas elaborados sobre o texto homónimo co que gañou o. XXXII edición do premio Rosalía de Castro de Cornellà. Que lle resulta interesante desta historia?

Ten que ver con esa relación coa familia desde a distancia. Ademais, caeu nas miñas mans un libro sobre a apropiación da traxedia grega en Irlanda, como o teatro adapta os clásicos aos intereses nacionais e culturais de Irlanda. Un destes textos dos que máis versións se fixo, para intentar denunciar a situación política, é Antígona. Ela intenta enterrar o irmán morto, pero non lle deixan porque foi un traidor. Daquela ela revélase contra a autoridade porque sabe que é importante. Todo isto que xira arredor da familia, que  está moi presente no libro. Realmente as únicas voces ás que se lles fala de ti son a miña muller, o meu irmán e miña nai nestes poemas.

Ao tempo, hai un pouco de contradición no texto, porque lera un ensaio breve sobre Chillida, sobre como aos que somos da vertente do cantábrico os mitos mediterráneos non nos serven. Se os mediterráneos son horizontais, os atlánticos somos verticais. Chillida intentaba loitar contra estas imaxes, pero eu non fun capaz de zafarme totalmente disto. Por iso hai tantas referencias aos mitos gregos e á Biblia, pero tamén hai pistas que enfocan como a unha tanxente ou saída que igual se verá en libros futuros de loitar por adquirir nós a nosa propia identidade vertical.

Exhibir a lingua

A lingua, ao ser neofalante, suponlle a Isaac Xubín unha loita constante pola "colocación dos pronomes ou a alternancia vocálica. É un poceso máis longo do que a xente pensa". Licenciado en Filoloxía Galega, coida que o seu galego "aínda era bastante malo" cando rematou a carreira. Iso mestúrase co feito de ter un contacto moi directo con outros idiomas na vida cotiá. "A miña muller é catalá e vivimos en Inglaterra", di, polo que na escrita "hai consciencia de xogar con verbas doutros idiomais ou empregar vocabulario medieval que xa non está en uso". "Creo que unha cousa é o coidado da lingua por exceso -que o lector non chegue a entender o que estás a dicir- pero nunca se debe caer, e é algo que está pasando, na sinxeleza extrema. As obras están feitas dunha lingua concreta e ten que exhibirse e expresarse con personalidade", engade.

Isaac Xubín: "Ser un intruso fíxome observar a identidade como algo moito máis...
comentarios