As Irmandades: a reacción contra a parálise da RAG

“As Irmandades son unha especie de emenda á totalidade das estratexias e da praxe do rexionalismo finisecular de Murguía”, di Emilio Ínsua, que vén de publicar 'A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931)', o ensaio máis profundo que se ten publicado sobre este movemento. 

irmandadesCCG-peq
photo_camera Xuntanza das Irmandades da Fala

Nesta obra publicada por Baía Edicións, de máis de 700 páxinas, Insua deita información sobre o “conflito soterrado” entre as Irmandades e a Academia presidida por Muguía, xa ancián, e sumida “na pasividade e na inacción”. De feito, o autor defende que “a orixe das Irmandades haina que ver como unha especie de reacción contra a percepción de que as cousas ían cada vez peor para a lingua galega”. E a Academia daquel tempo nin sequera usaba o galego alén dos usos poéticos.

Murguía non vía con bos ollos este cambio xeracional, cunhas Irmandades que defendían o monolingüísmo e con posicións xa nidiamente nacionalistas superando o rexionalismo do 'patriarca' Murguía. “É significativo o detalle de que Murguía non participou nunca en ningún dos actos das Irmandades, non colaborou con ningunha das súas publicacións, non tivo ese papel de patriarca que abenzoa este novo colectivo que en teoría ten os mesmos obxectivos que a Academia que fundara en 1906”, explica Ínsua, que defende na súa obra que o marido de Rosalía “non perdoou que o novo movemento viñese, en definitiva, a tornar evidente a grande contradición do rexionalismo finisecular entre discurso e praxe a respecto do emprego do idioma galego”. 

“É significativo o detalle de que Murguía non participou nunca en ningún dos actos das Irmandades"

Poucos académicos nas Irmandades

A pesar de que a primeira xuntanza das Irmandades, a da Coruña, tivo lugar na sede da RAG, poucos académicos participaron no movemento segundo o investigador de Viveiro. De 40 numerarios só sete deles se fixeron socios das Irmandades: foron Manuel Lugrís Freire, Euxenio Carré Aldao, Eladio Oviedo Arce, Florencio Vaamonde Lores, Francisco Tettamancy Gastón, Salvador Cabeza de León e Manuel Banet Fontenla. “Por exemplo, no manifesto de Lugo, que é cando as Irmandades xa adoptan unha definición en clave nacionalista, hai só dous membros da RAG que asinan o manifesto. Paréceme moi revelador do abismo e da distancia que había nese momento entre os que integraban a RAG e esta fornada de activistas pola lingua e polo país que son as Irmandades”.

E non só iso, un dos académicos que participan nos comezos das Irmandades, Manuel Casás Fernández, logo da clarificación ideolóxica, “pasa a combatelas con toda caste de munición” converténdose nun dos seus principais detractores. Casás remata sendo o presidente da Academia Galega na posguerra “e mesmo monta unha especie de ente para facerlle a competencia que se chamou Instituto de Estudios Gallegos na Coruña con outros intelectuais coruñesistas”. 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios