MÁIS

A Irmandade toma Vimianzo: a festa do Asalto ao Castelo trae novas razóns para a revolta

Ano tras ano, o Asalto ao Castelo de Vimianzo (Terra de Soneira) medra grazas ao pulo dunha veciñanza comprometida cunha celebración que fusiona e reinterpreta a tradición irmandiña coa máxima modernidade musical como un dos seus grandes reclamos.
Toma do castelo na pasada edición. (Foto: Asalto ao Castelo de Vimianzo)
photo_camera Toma do castelo na pasada edición. (Foto: Asalto ao Castelo de Vimianzo)

Do 5 ao 6 de xullo, a música, a historia e a gastronomía fusiónanse en Vimianzo (Terra de Soneira) nunha das festividades de Interese Turístico da Galiza máis senlleiras da Costa da Morte. Nela, a revolta social irmandiña e outras de caste actual, xa que cada ano incorporan unha problemática para asaltar o castelo vimiancés, cobran protagonismo. Así é o Asalto ao Castelo, “unha festa onde podes bailar, berrar e mollarte a partes iguais”, sinala a Nós Diario o portavoz da festa, Manuel Rial.

Á beira de Fisterra, na comarca de Terra de Soneira, a familia dos Moscoso gobernaba practicamente toda a Costa da Morte (Camariñas, Laxe, Vimianzo, Zas e incluso Muxía). A súa historia, como a doutros moitos nobres do século XV, veu marcado polo proceso centralizador impulsado polos Reis Católicos, que supuxo a súa decapitación como clase dirixente do país e pola dialéctica interna, onde destacou o movemento das Irmandades. 

A idea inicial era crear un festival de folk, lembra o portavoz da festa, Manuel Rial, mais derivou nun “asalto improvisado ao Castelo”, inspirado no que no seu día fixeran os irmandiños

Calquera pensaría que, despois dunha fazaña así, o reclamo da festa que se celebra viría da man deste acontecemento, mais non é así, pois a festa engloba moito máis. O seu principal valor recae no enfoque dado por asociacións e veciñanza, xa que sacan o Asalto adiante de modo voluntario e sen ánimo de lucro.  Este esforzo e creatividade comunitaria fai que todos os anos amplíen e enriquezan a festa que, nun inicio, decorría só entre o 5 e o 6 de xullo e agora as actividades previas xa comezan desde o 15 de xuño. 

Dos eventos que se foron incorporando destaca a Legua Irmandiña do 29 de xuño, unha carreira popular cunha distancia baseada nas antigas unidades de medida e que deu na creación do club de atletismo Terra de Soneira, coorganizador do evento. Tamén, os Pinchos Irmandiños, que van ocupando lugar desde o 2 de xullo aos días grandes do Asalto e que respectan a tradición quattrocentista, con ingredientes posteriores á colonización de América. Por último, dentro da programación histórica está a Cea Medieval no foso do castelo que, na súa décima xeira reúne máis de 500 comensais, con todas as entradas xa esgotadas.

Con todo, o Asalto ao Castelo non é unha festa medieval común, aínda que beba desa tradición. O episodio histórico tomouse como motivo da súa festa hai 28 anos, en 1996, coa toma do Castelo de Vimianzo. Porén, a idea inicial era crear un festival de folk, como resalta o portavoz da festa, Manuel Rial, e derivou nun “asalto improvisado ao castelo”, inspirado no que no seu día fixeran os irmandiños e promovido polo actor Vicente Mohedano. 

Desde aquela converteuse en tradición e emblema de xustiza tomar a fortaleza e mollarse coa batalla de globos de auga impulsada polos defensores do castelo para así protestar ante os problemas existentes xurdidos ano a ano. É pois unha revolta “traída ao presente” na que a música festiva dos múltiples concertos da noite párase para tomar e derrubar a inxustiza actual a través da porta da fortificación de Vimianzo.

Desa idea inicial foron “incorporando elementos rituais” e diferenciadores como o uso de lume e o uso do ariete, un arma de madeira empregado no asedio, como tótem da festa. Mais non sempre foi un evento tan valorada; de feito, nos anos noventa non era vista con tan bos ollos desde o Goberno local e mesmo houbo un "intento de boicot" pola súa parte. Malia todo, cos anos, indica Manuel Rial, foise entendendo a “achega e potencial” do festexo e especialmente a implicación veciñal, peza clave para que saia adiante.

Manu Chao, Mondra e Süne

A organización soubo mesturar estas orixes irmandiñas con compoñentes culturais como as representacións teatrais -que lle valeron a declaración de festa de Interese Turístico da Galiza- e unha adaptación ao ocio actual, incluíndo a cultura de festivais estivais. De feito, é isto último o que pon o ramo á festa, sobre todo, este 2024, cunha proposta galega e internacional, cun acústico de Manu Chao o sábado 6 de xullo ás 21 horas.

De novo, o cartel segue a presumir de talento musical galego. Se o ano pasado Tanxugueiras fixo bailar Vimianzo, este ano será a quenda de Mondra (na sexta feira) que, ademais, con motivo do Día do Orgullo LGBT+, vén de despuntar de novo nas redes co seu novo tema, 'Marimondra'.

Sobre os escenarios tamén soará na sexta feira a música de Monoulious Dop, é dicir, a festa está asegurada. O sábado actuará a cantante vasca Süne que, tras saír do grupo Huntza -e o éxito do seu tema "Aldapan Gora" con 11 millóns de escoitas en Spotify-, presenta no Asalto o seu debut na Galiza. O sábado tamén actuarán A Quenlla -autores precisamente do disco 'Os Irmandiños-, Coídos, Flow do Toxo, Boikot e Festicultores.

Para o futuro, Manuel Rial sinala como perspectivas continuar co “nivel e calidade musical do cartel” dos últimos anos mantendo a esencia diferenciadora do Asalto fronte a outros festivais do verán galego, que pasa por ritmos da escena galega, a world music e a canción reivindicativa. 

Outro factor curioso desta particular troula vimiancesa é a escasa documentación da revolta no seu castelo que só aparece nomeada no Preito Tabera-Fonseca, un dos documentos clave sobre a Guerra Irmandiña e que recolle a reclamación dos bens destruídos nas revoltas. Se ben neste inventario hai testemuñas documentadas dos feitos polo campesiñado, descricións das fortalezas e mesmo datos moi concretos sobre o día e hora do derrubamento, non existen máis evidencias polo que, rezan os organizadores, “só queda imaxinar e soñar como foi”. É por iso que o Asalto ao Castelo resulta tan rechamante para moitas e moitos visitantes, xa que traslada unha estética e eventos históricos á vez que reinterpreta e reincorpora actividades novas e orixinais. 

O Asalto ao Castelo de Vimianzo non é unha festa medieval ao uso senón que é unha celebración atemporal e patrimonial única en si mesma que da pé á creatividade de asociacións e habitantes para a súa festa máis importante. É unha forma de exportar o selo propio de Vimianzo de rebeldía social, pasado histórico e nocturnidade musical máis enxebre do século XXI.

Comentarios