O irmán de Rosalía de Castro que modifica a biografía da poeta

Tivo Rosalía de Castro un irmán? Segundo as memorias de Luís Tobío Campos -pai de Lois Tobío, un dos autores do Estatuto e curmán do pai da poeta,-  Teresa de Castro e o capelán José Martínez Viojo tiveron outro fillo, o que demostraría que a súa relación foi distinta á como foi contada. A investigadora Marga do Val ofrécenos novos datos para a biografía da poeta fundadora da literatura contemporánea galega. 

Rosalía de Castro
photo_camera Rosalía de Castro

A escritora e investigadora Marga do Val descubre nos textos memorialísticos de Luís Tobío Campos o testemuño sobre a existencia dun irmán de Rosalía de Castro que, segundo sinala, tería morto de neno. Para do Val, o dato que aporta Luís Tobío supón unha importante revelación para a biografía da poeta xa que evidenciaría que a relación da súa nai co capelán José Martínez Viojo foi distinta a como foi contada nos textos biográficos da autora. “Un hermano de esta abuela llamado José fué capellan mayor de la colegiata de Iria (y padre natural de la popular escritora Rosalía Castro, de Padrón, esta tal Rosalía tuvo un hermano que murió en la infancia, y está actualmente casada con el historiador Murguía.)”, escribe Luís Tobío Campos como recolle Marga do Val no artigo que Sermos Galiza publica. O debate e os datos forman parte da intervención da investigadora no congreso internacional "Literatura galega: identidade, alteridade e exilio"

Comentarios