Exposición e seminario

A Irlanda de Plácido Castro, en Vilagarcía

Un total de 45 fotografías realizadas por Plácido Castro durante a súa viaxe a Irlanda en 1928 compoñen a mostra organizada pola fundación que leva o nome do intelectual en Vilagarcía de Arousa. A próxima terza feira desenvolverase un seminario para divulgar o relato literario e fotográfico da viaxe.

Plácido_Castro,_Vigo
photo_camera Escultura de Plácido Castro en Vigo

A Fundación Plácido Castro inaugurou na Casa da Cultura de Vilagarcía de Arousa a exposición “A Irlanda de Plácido Castro”, con 45 imaxes tomadas polo escritor e xornalista.

A próxima terza feira, día 25, a partir das 16 horas, na Sala de Exposicións Antón Rivas terá lugar un seminario para divulgar o relato literario e fotográfico da viaxe de Plácido Castro á Irlanda de 1928 e, en especial, ás illas Blasket, e para significar e promover a proximidade entre Galiza e Irlanda.

Coordinado por Xulio Ríos, o programa contará coa palestra “Irlanda en tempos de Plácido Castro”, de David M. Clark, director do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses 'Amergin', UDC.

Ás 17 horas, Uxío Breogán Diéguez-Cequiel, doutor en Historia Contemporánea e profesor da UDC, tomará a palabra coa intervención “O galeguismo e Irlanda”. Ás 18 horas, Clark volverá intervir para narrar a viaxe de Castro a Irlanda en 1928.

As relacións culturais entre Galiza e Irlanda onte e hoxe centrarán a última palestra, na que participarán Manuela Palacios González, profesora Titular de Literatura Inglesa na USC, e Keith Payne, crítico e tradutor, lector de Inglés na Universidade de Vigo.

Comentarios