Iria Rodríguez é cofundadora do Galpón Lab

Iria Rodríguez: “Hai moito talento na Galiza, por iso debemos loitar para darlle o valor que merece”

O Galpón Lab é unha asociación sen ánimo de lucro, feita por e para artistas emerxentes. Busca promover a creación artística e o intercambio cultural, ao tempo que tece unha rede de apoio, unión e asesoramento para todas as novas creadoras galegas. As súas fundadoras -Iria, Eva, Lucía e Ana- teñen claro cal é a situación actual do panorama artístico galego, e que para atallar as carencias e deficiencias estruturais do sector cultural da Galiza, cómpre botar man do apoio educacional.
Eva Fandiño (esquerda) e Iria Rodríguez (dereita) no espazo de traballo do Galpón. (Foto: Brais Adrián) #iriarodríguez #arte #artista #galpónlab
photo_camera Eva Fandiño (esquerda) e Iria Rodríguez (dereita) no espazo de traballo do Galpón. (Foto: Brais Adrián)

-Por que decidiron pór en marcha un proxecto do estilo do Galpón Lab?

O proxecto naceu dunha necesidade que tiñamos as catro fundadoras para atopar un punto de encontro para a creación artística. Eva, Lucía, Ana e mais eu, que somos as que comezamos con todo isto e sacámolo adiante, coñecémonos durante un mercadiño, no que elas compartían espazo de venda e eu xestionaba todo o relacionado coas redes sociais. Decatámonos de que, aínda que as nosas disciplinas eran moi distintas, tanto as nosas necesidades como os nosos problemas á hora de levar adiante as creacións artísticas eran moi semellantes. Démonos conta de que non había un apoio real nin unha unión. Pensamos que estar unidas é indispensábel para que tanto a loita como a procura de solucións se convertesen nun proceso moito máis sinxelo.

-Cal é o obxectivo que perseguen?

O obxectivo principal é promover a creación artística e o intercambio cultural. Como asociación, ofrecemos ás artistas o apoio necesario para calquera nova creadora emerxente. A iso hai que engadirlle visibilidade e orientación nos seus proxectos. Comprometémonos a traballar de maneira sostíbel e orixinal. Queremos fomentar un consumo responsábel e de proximidade, asentado sobre unha comunidade na que todas se axudan entre todas. Esa é a filosofía que marca o camiño a seguir para a asociación.

-Apóiase desde as institucións -a nivel económico, loxístico...- as artistas galegas emerxentes?

Faise difícil que haxa un apoio ao mundo da arte e da cultura cando estas son entendidas como un todo homoxéneo e indistinguíbel. Ademais, a Administración sempre tende a apoiar máis a aquela arte entendida como tradicional, e só de vez en cando aposta pola novidade ou a orixinalidade. Xa non é só unha falta de apoio económico, que xera a sensación de que temos que loitar entre nós polas ansiadas axudas. Existe unha falta de apoio estrutural e educacional. Unha falta de regulación e de profesionalización dos traballos creativos e artísticos. Os trámites burocráticos e trabas estruturais que nós sufrimos como organización sen ánimo de lucro para poder obter axudas e subvencións fai que sexa case imposíbel poder acceder a elas. E non só nós, calquera colectivo de nova creación parte dunha situación de desvantaxe moi grande con respecto a outros máis asentados e cunha traxectoria maior.

-Como ven o panorama artístico galego para estas novas creadoras? 

A situación actual á que se enfronta a nosa xeración é moi complicada. Non só polo panorama económico; tamén pola inestabilidade social. As persoas que se dedican ao sector creativo téñeno aínda máis difícil, pois é algo intanxíbel e imposíbel de cualificar. O intrusismo, a falta de profesionalización e o descoñecemento real dos custos do traballo artístico son dificultades engadidas. Tampouco contamos cun asesoramento real por parte dos centros educativos e das facultades de cara á introdución efectiva no mercado laboral. O mercado laboral xa é duro de por si, pero se es nova e artista, moito máis.

-Por onde cren que pasa o futuro das artistas galegas? 

Partimos de que se debe entender a cultura como un ente orgánico, que crece e evoluciona co tempo. Por iso, pensamos que o futuro pasa por apostar polos novos valores que están a xurdir. Novas creadoras do país que están a triunfar fóra da Galiza, pero que aquí son auténticas descoñecidas. Non podemos permitirnos esta perda continua de capital humano, artístico e creativo. Está claro que hai moito talento na Galiza, e por iso debemos loitar para darlle o valor que merece.

Comentarios