Iria Pedreira: "Na sociedade existe un desprezo xeneralizado cara ao valor do saber"

A colección Vétera de Rinoceronte continúa a medrar da man dos clásicos. Desta volta foi a filóloga Iria Pedreira Sanjurjo a encargada de traer para o galego, e por vez primeira, Eurípides. Fíxoo con Ión e Ciclope, dúas obras dramáticas moi curiosas que presentará esta sexta feira, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura de Xanceda (Mesía).

A filóloga Iria Pedreira Sanjurjo é a tradutora de 'Ión' e 'Ciclope', de Eurípides, ao galego. (Foto: Eva Mirás).
photo_camera A filóloga Iria Pedreira Sanjurjo é a tradutora de 'Ión' e 'Ciclope', de Eurípides, ao galego. (Foto: Eva Mirás).

É a primeira vez que se traduce Eurípides ao galego. Que nos pode contar destas obras e do autor?

De Eurípides cabería dicir que, dos tres grandes autores tráxicos da Grecia clásica, posibelmente sexa o máis innovador e o máis transgresor de todos. Ademais, foi o que mellor se nos conservou porque, fronte ás sete obras que hai de Esquilo e de Sófocles, de Eurípedes temos 18 pezas conservadas integramente. Este feito di moito da consideración que tivo en épocas posteriores e xa só por iso vale a pena. Está claro que é un autor que o canon non tratou moi ben no seu momento, mais despois si. Non obstante, a día de hoxe inda non había obra del traducida ao galego. 

A colección Vétera de Rinoceronte, cuns criterios bastante específicos de selección de textos, intenta darlle cabida a aquelas obras que, aínda sendo de grandes autores, non son as máis coñecidas... Neste caso optouse por traducir Ión, que é unha traxedia moi peculiar porque presenta un final feliz que non se espera. Ten unha serie de riscos moi característicos que ademais a fan moi telenovelesca e nese sentido non perdeu actualidade. 

Ciclope é o único drama satírico que se nos conserva íntegro

Por outra banda, Ciclope é o único drama satírico que se nos conserva íntegro. O drama satírico era un xénero moi específico dun momento e dun lugar, da Grecia clásica tamén, e trataba o mito dunha forma moi concreta, case sempre tirando ao grotesco, ao cómico... E nesta peza aborda o famoso episodio de Ulises na Illa do Ciclope cun ton burlesco. Por todo isto valía a pena incluíla neste primeiro volume de traducións de Eurípides ao galego.

Ion e Ciclope, traducido por Iria Pedreira para Rinoceronte.

Antes xa trouxera para o galego Caracteres, de Teofrasto. Como é o proceso de tradución destas obras?

En canto ao método é certo que cambia moito do proceso que adoita ser habitual nas linguas modernas. Cando unha traduce desde unha lingua de corpus, como é o latín ou no meu caso o grego antigo, a forma de enfrontarse ao texto muda radicalmente. Hai que armarse de moita paciencia e hai que rodearse de moitos materiais: diferentes edicións do texto, compendios de gramáticas, dicionarios... moitas cousas que fan que ao final teñas que ir frase por frase, palabra por palabra. 

No caso da de Teofrasto, aínda que é unha das figuras máis relevantes da literatura helenística, como filósofo, pensador, discípulo de Aristóteles..., e Caracteres, sendo unha obra transmitida tamén de xeito ininterrompido desde a antigüidade até os nosos días, moi influínte en moitas literaturas como a inglesa ou a francesa..., aquí está un pouco esquecido. 

Caracteres é un texto moi actual, non perdeu un ápice de vixencia porque fala dos pequenos vicios do ser humano

Caracteres é un texto moi actual, non perdeu un ápice de vixencia porque fala dos pequenos vicios do ser humano e de como eses pequenos defectos do carácter inflúen á hora de inserir o individuo na sociedade. É ademais unha obra moi amena de ler. Sempre pensamos na literatura clásica como algo difícil, que só é accesíbel para uns poucos... mais é todo o contrario, neste caso calquera pode achegarse a ese texto e gozalo moito. 

É certo que hai literatura clásica difícil de dixerir. Mais estes títulos en concreto poden ser accesíbeis para calquera tipo de público. 

En pleno debate pola desatención ás Humanidades por parte dos gobernos. Cal é a súa opinión ao respecto?   

A verdade é que é unha batalla que levamos librando durante moitos anos, un cuestionamento e un ataque constantes... Para min está moi relacionado cunha cuestión maior: na sociedade actual existe un desprezo xeneralizado cara ao valor do saber en si mesmo. O das humanidades é un exemplo paradigmático, mais vese tamén en disciplinas científicas. 

É curioso, hai ese desprezo pero en cambio estamos a ver que nunca o coñecemento foi tan valioso para afrontar situacións complicadas como as que estamos a vivir coa pandemia, por exemplo. Esta é unha sociedade pragmatista, tecnócrata, que non ten consideración polo valor do saber, e aí as humanidades están a perder moitísimo terreo. 

[A imaxe no corpo do artigo é autoría de Eva Mirás]

Comentarios