Irène Némirovsky e Jack London, as apostas de Irmás Cartoné para pechar o ano literario

Martin Eden de Jack London e David Golder de Irène Némirovsky son as dúas últimas obras vertidas para o galego por Celia Recarey Rendo, en Irmás Cartoné.

A autora Irène Némirovsky.
photo_camera A autora Irène Némirovsky.

Irmás Cartoné pechan o ano literario con dúas apostas de nome propio e gran raizame autobiográfico: Martin Eden e David Golder. Dous clásicos de cabeceira, de lectura obrigada, que prenden na psique humana, dispoñíbeis agora en galego grazas a Celia Recarey Rendo.

David Golder

David Golder é a primeira novela de Irène Némirovsky unha obra que publica cando a autora conta con tan só vinte e seis anos. Un éxito inmediato, da crítica e do público.

Enfermo e só, así se presenta a David Golder, un banqueiro ao borde do fracaso. Unha epítome do home feito a si mesmo que se ve derrotado, sen case forzas e con problemas de saúde. Un home que ve minguar a súa fortuna, o seu amor, a súa vida. E cunha última esperanza de por medio, unha derradeira operación financeira que o pode salvar.

A autora, Irène Némirovsky

Nada en Kiev en 1903 no seo dunha familia acomodada, semellante ao que retrata nesta súa primeira novela, David Golder, Némirovsky mais a súa familia fuxiron da revolución rusa para exiliárense en Francia. Mais unha vez alí, a ocupación nazi interrompe a súa carreira literaria de forma prematura. De orixes xudías, Némirovsky, a pesar de se converter ao catolicismo xunto coa súa familia, é deportada a Auschwitz en 1942, onde falece nese mesmo ano. Relegada ao ostracismo, non é até 2004, coa publicación de Suite française, novela inédita rescatada pola súa filla, que está a devolver a Némirovsky á primeira liña da escena literaria.

Martin Eden

A obra, adaptada recentemente ao cinema, é unha novela autobiográfica, de corte naturalista, escrita polo estadounidense Jack London. Unha obra que parte do amor, o oficio de escritor e as miserias humanas. Publicada primeiramente por entregas e, máis tarde, como libro, a novela narra parte da vida de Martin Eden, un mariñeiro de San Francisco que, após namorarse dunha moza aburguesada, ambiciona converterse en escritor, custe o que custe. Unha meta que alcanza en tan só un par de anos. Un éxito que o somerxe nun estado de desconforto total.

O autor, Jack London

John Griffith Chaney, coñecido como Jack London, nace en San Francisco en 1876. Coñecido, entre outras achegas, por ser o autor de White Fang ou The Call of the Wild, London vive o éxito literario con impotencia e frustración. Nace no seo dunha familia de clase traballadora e, de formación autodidacta, o autor traballa en toda clase de oficios antes de trunfar como escritor. Foi mariñeiro, buscador de ouro e operario nunha conserveira ao tempo que trataba de estudar e formarse para facer carreira na literatura. En 1902 publica xa varios relatos en revistas literarias até que alcanza o éxito, ao igual que o protagonista da novela, Martin Eden. Tamén como Eden, pronto sufre a decepción que o leva a un mesmo desenlace fatal. Falece en 1916, con tan só corenta anos, por vontade propia.

Comentarios