Entrevistamos Ángela Andrada

“Internet é unha plataforma moi boa actualmente, porque xa non precisas dunha canle para mostrar os teus contidos”

David Bowie e o glam rock chocan co universo rural da aldea de Mariña, unha moza que soña con se dedicar á arte. Esta é a premisa de Hai vida en Bran?, unha webserie realizada por Ángela Andrada (A Coruña, 1989). Licenciada en Xornalismo, especializouse en audiovisual para dar saída á súa paixón pola escrita de ficción. Após gañar o premio a desenvolvemento de proxecto no Carballo Interplay, a directora acaba de facer públicos en YouTube todos os episodios.
A actriz Ángela Andrada (Xoan Diéguez)
photo_camera A actriz Ángela Andrada (Xoan Diéguez)

Como foi o proceso de realizar esta webserie?

Pois teño que confesar que, sen ser exactamente autobiográfica, ten bastante a ver co que eu estaba a vivir nese momento. Morei en Santiago durante a carreira, logo estiven un ano en Australia e cando volvín para a casa, tiven ese período de me sentir un pouco estancada, especialmente ao intentar moverme nun mundo tan complicado como o audiovisual. Pensas: “igual estou sendo pouco realista ou aspirando a algo que vai ser case imposíbel”. Xusto daquela atopei a convocatoria do Carballo Interplay e interesoume moito porque era moi accesíbel á xente que estaba comezando. Moitas veces precisas o amparo dunha produtora un pouco máis grande, pero neste caso non. Con esa idea comecei a elaborar un dossier co guión do episodio piloto. Presenteime e foi todo un proceso de aprendizaxe, nunca fixera un pitching antes. O último que me esperaba era que dixesen o meu nome na gala. Case non o cría.

Sen ser exactamente autobiográfica, ten bastante a ver co que eu estaba a vivir nese momento

Interpretas a protagonista. É difícil dirixirse a unha mesma?

Moito. Todo foi moi complicado, porque, aínda que fixera curtametraxes e algunha outra cousa, si que se trataba do primeiro proxecto importante. Tes que confiar en ti sen verte, pois por cuestións de tempo non podes visionar cada toma, e iso é moi complicado. Aprendín que é bo separar esas dúas facetas, a non ser que contes con máis tempo ou cun orzamento que che permita parar a ollar todo o material no momento. Foi unha decisión lixeiramente inconsciente, probabelmente debida á miña inexperiencia. Porén, é certo que entendía moi ben a Mariña e penso que iso foi unha vantaxe.

De onde vén esa idea de introducir Bowie no mundo rural?

Ás veces, xuntar dous universos a priori moi diferentes pode xerar resultados interesantes e moi orixinais

A min encántame, sen coñecelo nin ter ningún tipo de relación con el, obviamente. Lembro que cando finou sentíanmágoa e ao tempo estaba sorprendida porque non o coñecía. A efectos prácticos, a súa música ía seguir estando aí, pero dábame pena pensar en non poder velo nunca en directo. Son moi fan de como explorou diferentes universos, renovando o seu estilo tanto persoal como musical. E penso que todo iso pode ser perfectamente compatíbel co mundo rural. Ás veces, xuntar dous universos a priori moi diferentes pode xerar resultados interesantes e moi orixinais.

Que percorrido tivo a obra?

Estivo, para alén do Interplay, nos premios Mestre Mateo. Atrasouse todo bastante por termos que retocar aspectos técnicos, e xa non foi posíbel entrar en certos circuítos porque moitos festivais teñen data límite de estrea. Para min, o máis urxente era estreala xa, pois o proxecto viña de 2017, viu a luz no 2018 e xa sentía que era hora de que a xente por fin puidese vela. Esa era a prioridade.

Como ve o panorama do audiovisual, agora que ten xa un pé dentro?

Sigo pensando que é difícil, pero non me parece imposíbel. Especialmente se tes a motivación de saber que iso é o que queres facer, pois iso é o que te empurra a seguir loitando. Penso que internet é unha plataforma moi boa actualmente, porque xa non precisas dunha canle para mostrar os teus contidos, podes empregar un medio tan accesíbel como YouTube. Obviamente tamén ten o seu punto negativo, porque hai tantos contidos que non é difícil que o teu produto se perda nese mar. É moi interesante. Ademais, moitas canles xeralistas están vendo o impulso das webseries e aproveitándoo, como Playz ou TVE, pero tamén en Portugal RTPlab. Teño entendido que fixeron unha convocatoria aberta a novos creadores, o que me parece moi interesante por parte dunha televisión pública, unha aposta xenial nos novos talentos. É complicado, pero internet é unha alternativa moi interesante que dá tamén esperanzas.

Sigo pensando que é difícil, pero non me parece imposíbel

Ten outros proxectos agora mesmo?

Este sábado estiven nas reunións do Conecta+ que organiza a Asociación de Realizadores (CREA) cunha longametraxe que tamén combina dous mundos moi diferentes, o dunha vila galega a priori máis tradicional, como é Viveiro, co universo Heavy Metal, co Resurrection Fest. Xúntanse e o resultado é algo moi peculiar. Estou tratando de sacar isto adiante, obviamente tamén con paciencia porque as longametraxes son máis complexas. É un dos proxectos que teño a medio prazo, con sorte.

Comentarios