Os intermediarios do alén, protagonistas das I Xornadas de Antropoloxía

Aproveitando o tempo de Santos, celébrase desde hoxe na Casa da Luz de Pontevedra as I Xornadas sobre Antropoloxía que botan a andar co título de "“Intermediarios do Alén: defuntos, encantos, curandeiros e chamáns”.

Organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) coa colaboración do Concello de Pontevedra, o programa combinará conferencias, mesas de debate, proxeccións audiovisuais e unha visita ao Parque Arqueolóxico de Tourón guiada polo antropólogo Buenaventura Aparicio Casado.
Todas estas actividades -con entrada libre e de balde- desenvolveranse da sexta 4 ao domingo 6 e irán precedidas, do 2 ao 4 de novembro, por dúas sesións de cinema etnográfico, a partir das 19:00 horas.

Así, a primeira película, titulada “Em companhia da morte”, complementarase cun coloquio cos artífices deste documental, Eduardo Maragoto e João Aveleno. No seguinte filme, “Terra das marabillas”, tamén participará o co-director do traballo audiovisual, Rafael Quintía.

En canto ás conferencias, na sexta día 4 a partir das 18:30 horas haberá dúas sesións: “Mouros, ánimas, demos e encantos nos grimorios e ciprianillos”, impartida por Félix Castro. Seguiralle Buenaventura Aparicio cunha charla sobre “Petróglifos, canteiros e buscadores de tesouros”.

As xornadas continuarán o sábado 5 en horario de mañá e de tarde. Ás 10:15 horas presentarase o proxecto audiovisual “Palabras secretas”, dirixido por Ana Lois. Carlos Víctor Rodríguez será o seguinte participante, co relatorio “Chamáns, cantores e rezadores entre os Tarahumara” e finalizará Marcial Gondar falando sobre os “Romeiros do alén”. 

A sesión vespertina dará comezo ás 17:00 horas coa conferencia “Transformación e desdobramento”, a cargo de José Luis Cardero López. A antropóloga Carmen Arnau proxectará dúas curtametraxes tituladas “Los Chorsos: un pueblo de la taiga de Siberia” e “Chamanismo siberiano: ritual de despedida del invierno”, para rematar cun relatorio da autora sobre esta temática.

Estas I Xornadas sobre Antropoloxía poñerán o ramo cunha visita guiada ao Parque Arqueolóxico de Tourón, en Ponte Caldelas, guiada por Buenaventura Aparicio.