Albums de aquí e acolá / Uxía

“Interésame a parte musical transgresora de 'Cantigas do Maio' de José Afonso”

Uxía (Sanguiñeda, Mos, 1962) é unha estrela, tamén literalmente, das músicas galegas de raíz. Porque ao seu redor hai unha órbita pola que circulan intérpretes, instrumentistas, proxectos colectivos, aventuras individuais, entusiasmos de todo tipo. Ademais de exercer a crítica no Diario Cultural da Radio Galega, o seu labor como ponte cultural, nomeadamente co mundo musical en lingua portuguesa, fai parte esencial da súa personalidade artística.
 

Uxía
photo_camera Uxía. Foto: cedida.

Para Albums de aquí e acolá, Uxía decídese por un clásico da canción de intervención: Cantigas do Maio (1971), de José Afonso. “É un disco de fóra entre aspas”, explica divertida, “fundamental para a música popular portuguesa, prohibido no seu momento”. O lendario -nunca este adxectivo foi máis pertinente- sexto elepé do Zeca é o que contén Grândola, Vila Morena.

25573-cantigas-do-maio

“É o himno de todas as revolucións, co máis fermoso verso, que deberiamos ter sempre presente: 'O povo é quem mais ordena”, engade. Ao ver de Uxía, Afonso era “un gran poeta”. De amplo rexistro, a maiores, con letras que apertan o surrealismo, canción política de alta temperatura poética, feminismo de clase avant la lettre ou un rostro lúdico e vangardista.

Mais o que lle interesa salientar é a dimensión menos aparentemente valorada de Cantigas do Maio. “Á parte do seu simbolismo, e do seu compromiso político, a súa parte musical é innovadora, moi transgesora”, di, “en parte debido aos arranxos de José Mário Branco”. Gravada en Francia, a obra “aínda sorprende” a Uxía cada vez que a escoita. E non son poucas confesa.

Seis anos máis tarde, Emilio Cao publicaba o seu debut, Fonte do Araño (1977). “Outro disco clave, mais este para a música galega e celta ibérica”, asegura, “que estivo moitos anos descatalogado. A súa reedición é unha gran noticia”. Nonito Pereira, fillo do propio produtor do elepé Nonito Pereira, acaban de poñer en circulación 300 coidadas copias en vinilo.

fonte do araño

“Mesturaba cítaras, laúdes e harpas, con guitarras eléctricas e as influencias de Alan Stivell e outras voces bretoas”, explica. A nómina de músicos aínda impresiona a Uxía: ademais do propio Cao, Antón Seoane e Xosé Ferreirós -despois en Milladoiro-, Xoán Piñón -antes nos míticos NHU e despois en DOA- e Bernardo Martínez. E a canción que dá título ao disco. “Fonte do Araño, que acaba de revisar Eladio y los Seres Queridos, estreméceme”, relata, “pero é que ademais este é o xermolo da revolución folk posterior”.

Uxía reivindica Emilio Cao como “un dos grandes esquecidos da música galega”. “Creo que lle debemos un recoñecemento público”, apunta sobre o home que lle descubríu, e presentou, ao poeta Uxío Novoneyra. Que protagoniza o último disco de Uxía, Uxía-o (2017), “unha particular homenaxe a Novoneyra na que viste de música os poemas do escritor do Courel con ecos de muiñeira, ragtime, reggae e alalá”. 

Comentarios