Para Albums de aquí e acolá, Uxía decídese por un clásico da canción de intervención: Cantigas do Maio (1971), de José Afonso. “É un disco de fóra entre aspas”, explica divertida, “fundamental para a música popular portuguesa, prohibido no seu momento”. O lendario -nunca este adxectivo foi máis pertinente- sexto elepé do Zeca é o que contén Grândola, Vila Morena.
“É o himno de todas as revolucións, co máis fermoso verso, que deberiamos ter sempre presente: 'O povo é quem mais ordena”, engade. Ao ver de Uxía, Afonso era “un gran poeta”. De amplo rexistro, a maiores, con letras que apertan o surrealismo, canción política de alta temperatura poética, feminismo de clase avant la lettre ou un rostro lúdico e vangardista.
Mais o que lle interesa salientar é a dimensión menos aparentemente valorada de Cantigas do Maio. “Á parte do seu simbolismo, e do seu compromiso político, a súa parte musical é innovadora, moi transgesora”, di, “en parte debido aos arranxos de José Mário Branco”. Gravada en Francia, a obra “aínda sorprende” a Uxía cada vez que a escoita. E non son poucas confesa.
Seis anos máis tarde, Emilio Cao publicaba o seu debut, Fonte do Araño (1977). “Outro disco clave, mais este para a música galega e celta ibérica”, asegura, “que estivo moitos anos descatalogado. A súa reedición é unha gran noticia”. Nonito Pereira, fillo do propio produtor do elepé Nonito Pereira, acaban de poñer en circulación 300 coidadas copias en vinilo.
“Mesturaba cítaras, laúdes e harpas, con guitarras eléctricas e as influencias de Alan Stivell e outras voces bretoas”, explica. A nómina de músicos aínda impresiona a Uxía: ademais do propio Cao, Antón Seoane e Xosé Ferreirós -despois en Milladoiro-, Xoán Piñón -antes nos míticos NHU e despois en DOA- e Bernardo Martínez. E a canción que dá título ao disco. “Fonte do Araño, que acaba de revisar Eladio y los Seres Queridos, estreméceme”, relata, “pero é que ademais este é o xermolo da revolución folk posterior”.
Uxía reivindica Emilio Cao como “un dos grandes esquecidos da música galega”. “Creo que lle debemos un recoñecemento público”, apunta sobre o home que lle descubríu, e presentou, ao poeta Uxío Novoneyra. Que protagoniza o último disco de Uxía, Uxía-o (2017), “unha particular homenaxe a Novoneyra na que viste de música os poemas do escritor do Courel con ecos de muiñeira, ragtime, reggae e alalá”.