Intercambio teatral e lingüístico entre os territorios do norte da península

Camiño Escena Norte, un programa de intercambio escénico entre a Galiza, Asturias, Cantabria e Euskadi, comeza o 12 de setembro.
Unha escena de 'Dreaming Juliet', da compañía Elefante Elegante.
photo_camera Unha escena de 'Dreaming Juliet', da compañía Elefante Elegante. (Foto: Elefante Elegante)

A terceira edición do programa de intercambio artístico e profesional Camiño Escena Norte achegará, a partir do vindeiro 12 de setembro e até o 10 de outubro, numerosas propostas escénicas de diversas disciplinas e formatos por nove localidades galegas. 

Camiño Escena Norte pretende expandir e dinamizar o sector escénico que se vertebra arredor do territorio que percorre o Camiño do Norte. Baixo o lema Volver camiñar, neste 2021 o programa consolidará a súa ambiciosa proposta de aposta pola creación de proximidade e contará -no marco do programa de exhibición Itinerario Constelacións- cun total de 11 espectáculos en xira e 37 sedes repartidas por Galiza, Asturias, Cantabria e Euskadi. 

O teatro que vén á Galiza

No caso da Galiza, o público poderá gozar ao vivo de sete espectáculos que xirarán polas sedes que conforman a rede de produción escénica no territorio, que este ano ascenden a nove, logo da incorporación de Melide.

Así, Arzúa, Lugo, Melide, Mondoñedo, Negreira, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sobrado dos Monxes e Vilalba acollerán nove funcións das compañías asturianas A66 Producciones (Abre el ojo) e Meraki Cía (Amalgama); das cántabras Anabel Díez / El Tejo Producciones (La casa de Bernarda Alba), Babirusa Danza (La naturaleza del silencio) e La Machina Teatro (Olivia y las plumas); e das vascas Marie de Jongh (Ikimilikiliklik. Mi pequeña) e Ados Teatroa (Lloviendo ranas). 

Xunto ás funcións integradas no Itinerario Constelacións, Camiño Escena Norte espalla a súa actividade coa liña de programación Camiño Expandido, de xeito que as exhibicións se acompañarán de diversas actividades paralelas de mediación arredor dos espectáculos, como obradoiros de contextualización ou de movemento, ademais de encontros coas compañías ao finalizar as funcións. 

O teatro galego que sae 

No marco deste programa de intercambio e de promoción da diversidade lingüística e de formatos escénicos, tres compañías galegas levarán a Asturias, Cantabria ou Euskadi os seus espectáculos para amosar algunhas das producións máis recentes na nosa escena. É o caso de Elefante Elegante (Dreaming Juliet), Tanxarina (A galiña azul) e Nova Galega de Danza (Leira), esta última finalista dos Premios Max 2021. 

As localidades de Xixón, Mieres, Potes, Torrelavega, Castro Urdiales, Santoña, Santander, Eibar e Mutriku acollerán, ademais das funcións, diversos obradoiros e encontros co público. 

Comentarios