Rede de Patrimonio Cultural Galego

A interacción na defensa da identidade e do patrimonio

Cando hai administracións anestesiadas na burocracia entón bulen e desbordan por algures iniciativas populares que artellan a sociedade coa ansia de servir. Exemplos de asociacionismo nacido para poñer en valor a cultura galega, haber hainos e velaí a marea de iniciativas dos anos modernistas. Agora Felipe-Senén salienta o traballo da Rede de Patrimonio Cultural Galego.

[José Antonio Gil Martínez/Wikipedia] San Paio de Abeleda presenta un abandono evidente
photo_camera [José Antonio Gil Martínez/Wikipedia] San Paio de Abeleda presenta un abandono evidente

2Pese ao estado da cuestión poucos países hai que teñan tantos colectivos con estatutos e obxectivos arredor da salvagarda e difusión da cultura, grupos, corais, asociación de amigos... E agora, asumindo a importancia dos intercambios incentivados pola internáutica, ponse a proba a capacidade creativa e comunicativa. Cómpre interacción, poñer en escena o estado da cuestión: coñecer para querer e defender a singularidade na universalidade. Pois tamén somos o que transmitimos, o que facemos e o que desfacemos. E niso, dun rico patrimonio cultural, que vai desde o Paleolítico ao presente, Galiza ofrece de todo, recursos identitarios e polo tanto económicos, turísticos, que precisan xestionarse racionalmente, sen perder tempo enredándose en reunións para seguintes reunións. Modelos con problemáticas similares, pero resoltas, hainos no mundo inmediato e cómpre tomar nota, enxergalos, en Irlanda ou Provenza, mesmo en Portugal.

O 3 de xuño deste 2017, no Museo do Pobo Galego e despois dun proceso de poucos meses de maduración aguilloado polo pulo da necesidade de ser e de unirse, sesenta e nove colectivos que vencellan homes e mulleres sensíbeis coa identidade nun mundo que se uniformiza, de xeito fundacional, poñen en marcha a Rede do Patrimonio Cultural de Galiza e con el as ansias de constancia e servizo á sociedade.

[Podes ler a análise íntegra no Sermos Galiza 257, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios