Oito de setembro

O intenso rock alternativo e confesional de Eels, en Compostela

A súa proposta, incardinada na nación alternativa que realimentou o rock estadounidense nos noventa, é singular. Intensa e confesional, Eels son en realidade o seu cantante, compositor e letrista: Mark Oliver Everett. Estarán por primeira vez en Galiza o oito de setembro, en Santiago de Compostela.
 

eels
photo_camera Eels nun concerto de 2018. Foto: cedida.

O seu último disco, The Deconstruction (2018), inclúe detalles e ángulos electrónicos. Antes, obras maiores como Beautiful Freak (1996), Electro-Shock Blues (1998) ou Souljacker (2001). A súa lírica, intimista, sempre referida á propia e complicada experiencia persoal de Everett, valeulle comparacións entre algunha das súas obras e pezas chave da historia do rock como Tonight's the night (1975), de Neil Young, ou Magic and Loss (1992), de Lou Reed.

O pesimismo existencial de Eels puntúa unha carreira de máis dunha ducia de obras en estudio. Everett, a quen houbo quen alcumou o “Kurt Vonnegut do rock”, tamén publicou libros e gravou con outro proxecto, de nome E.

Comentarios