Xela Arias

"Intempériome", desde dúas bandas

A Banda da Loba e o clarinetista Fernando Abreu homenaxéan á poeta Xela Arias con sendos traballos sobre os seu poemario Intempériome
A Banda da Loba
photo_camera A Banda da Loba no videoclip 'Intempériome'. (Foto: Cedida)

“Vide. / Convídovos ao espectáculo de non ser para ser de todo”. Estas son as primeiras palabras da canción “Intempériome” da Banda da Loba, unha homenaxe á última publicación en vida da poeta á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, Xela Arias. 

O tema está composto polas integrantes do grupo compostelán –Xiana Lastra, Andrea Porto, Marcela Porto, Inés Mirás e Estela Rodríguez–, que mesturaron cinco poemas do libro Intempériome e engadíronlle música e audiovisual para sacar un videoclip que “fala de deixar atrás os prexuízos e os estereotipos e afondar na persoa que queremos ser, con liberdade e apoiada pola rede dos afectos”, sinala a vocalista, Xiana Lastra, en declaracións a Nós Diario

Este é un dos catro temas e tres interludios musicais con recitado de poemas de Xela que compón o EP Hasme oír. Cada unha das cancións homenaxea distintos poemarios de Xela Arias: Intempériome, Darío a diario, Denuncia do equilibrio e Tigres coma cabalos. Sobre este último, A Banda da Loba xa ten unha versión no seu segundo traballo publicado, Fábrica de Luz, mais nesta entrega de Hasme oír, Lastra asegura que é “unha interpretación distinta, máis elaborada e cun enfoque máis profundo da escritora”. A canción contará desta vez coa incorporación da voz de Xacobe Varela, cantante do grupo Os d'Abaixo. 

Orixinalmente, esta homenaxe a Xela Arias foi ideada como un “espectáculo máis pensado para os directos”, mais a banda decidiu “facer algo máis perpetuo e optamos por realizar este EP”, apunta Lastra ao xornal. 

O argumento do videoclip baséase na evolución dunha muller que aprende dunha mesma para poder avanzar. “Ocorríansenos mil formas de representar esta evolución, mais moitas estaban moi utilizadas, sabíamos que ía ser complicado, pero apostamos por esta idea”. A produción conseguiu “atopar cinco actrices que se asemellasen para poder interpretar a mesma personaxe que vai madurando”, sinala a artista. As integrantes están moi contentas co resultado, por “ser unha metáfora tan bonita e diferente que homenaxea unha escritora como Xela”.

Proxecto por fin rematado 

No ano 2003 Xela Arias e o clarinetista Fernando Abreu traballaban nun proxecto en conxunto para presentar o libro Intempériome. A pronta morte da poeta fixo que ese traballo quedase no esquecemento até este ano. Co motivo de que se lle dedicase o Día das Letras Galegas á escritora, Abreu retomou as gravacións que fixera 18 anos atrás, nas que a propia Arias interpretaba os seus poemas mentres o clarinetista mais o guitarrista, Pablo Carrea, engadían a súa música improvisada. 

Para esta publicación, Abreu volveu contar coa colaboración de Carrera e tamén con Macarena Montesinos no violoncello e Elena Vázquez no violín. Oito pezas de música improvisada coa voz da propia Xela Arias recitando os poemas. O director do proxecto cualifícao de “músicas cheas de emoción nas que a poesía de Xela encadra máis que ben”, sinala Abreu. 

Todo este traballo sonoro publicarase xunto á edición especial de Intempériome que a editorial Xerais está a preparar. Esta conta dun estoxo que contén o libro de poemas, un caderno de notas e un CD coa gravación.

Polo día do aniversario de Arias, no que faría 59 anos, Abreu lanzou un avance do labor que está a realizar. Unha peza, que non chega a un minuto, onde introduce o traballo de improvisación e a voz de Xela Arias na que se basea o proxecto. 

Ademais, tamén adiantou que sobre ese mesmo trazado está a preparar un “espectáculo, recital, concerto, performance que agradamos estrear no mes de abril e no que xunto á voz de Xela estará Mónica de Nut, Pablo Carrera, o cinema en directo de Sr. Pause e todo baixo a dirección de Avelino González”, publicaba Abreu nas súas redes sociais. 

Comentarios