Os instrumentos medievais de Centrad nunha mostra itinerante

Sete instrumentos medievais feitos polo Centro de Artesanía e Deseño estarán nunha mostra itinerante.
ssssaaaaaaaaa
photo_camera .

A Vicepresidencia da Deputación lucense, coincidindo co 70 aniversario da fundación do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad), pon a disposición dos concellos o proxecto “A memoria do son”.

Estra mostra itinerante compendia o resultado das investigacións sobre a música e instrumentos medievais que se desenvolveron no obradoiro de instrumentos musicais do Centrad. Sete instrumentos construídos a partir da iconografía do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela, do Pazo de Xelmírez e das cantigas de Alfonso X son os protagonistas da mostra: unha giga, unha rota, unha cítola, unha zanfona, unha viola de perna, unha viola de brazao e un organistro. 

Ademais, a exposición, comisariada por Luciano Pérez, complétase cun catálogo guía en varios idiomas, gravacións co son de cada instrumento, para descargar a través de códigos QR, e un salterio con tres partituras diferentes para que as persoas que visiten a mostra poidan tocalo

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, explicou que “coa intinerancia polos concellos logramos o mellor modo de achegar á cidadanía o patrimonio musical que se xerou neste referente na Galiza, o Centrad, no que ten que ver coa recuperación do patrimonio musical medieval”, sinalou. Alén, Castro expuxo que “estamos a concretar un calendario para comezar en maio” e que “esta é unha proposta de interese para calquera concello, pero especialmente naqueles vinculados ao Camiño de Santiago”, apuntou. 

Setenta anos do obradoiro

A mostra “A memoria do son” coincide co 70 aniversario da fundación do taller de instrumentos musicais galegos polo artesán Paulino Pérez –recoñecido por ser pioneiro na Galiza en construción de zanfonas– no ano 1951 co apoio da Deputación de Lugo. O obradoiro, que tivo como primeira localización o Pazo de San Marcos, na cidade amurallada, orientouse á construción, recuperación e revitalización de instrumentos do patrimonio musical galego e á formación de mestres artesáns. 

Desde o ano 1995, o obradoiro permanece integrado no Centro de Artesanía e Deseño, espazo que acolle unha exposición permanente de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros, recoñecida como unha das coleccións máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII.


 

Comentarios