O Instituto da Lingua Galega convoca o concurso de vídeo Móvete

A entidade conmemora así o seu 50 aniversario. 
Detalle do cartaz do concurso Móvete. (Foto: ILG)
photo_camera Detalle do cartaz do concurso Móvete. (Foto: ILG)

Neste 2021, o Instituto da Lingua Galega conmemora o seu 50 aniversario, efeméride que celebra coa posta en marcha, entre outras actividades, do concurso de vídeo Móvete, destinado ao estudantado dos institutos da Galiza e das zonas de fala galega fóra do país.

O obxectivo é, en primeiro lugar, incentivar o uso do galego e, tamén, dar a coñecer a entidade  entre a mocidade. O prazo para a participación iniciouse onte e estará aberto até 31 de maio.

O concurso está dirixido a alumnado que se atope cursando terceiro e cuarto da ESO ou primeiro e segundo de bacharelato e pódese participar en dúas modalidades, individual e en grupo. Neste último caso, deberá facerse baixo a dirección ou o asesoramento dun ou dunha docente, que será a persoa de contacto e responsábel do proxecto.

Os vídeos que se presenten a Móvete deberán ser inéditos e orixinais e non poderán superar os dous minutos de duración. Os temas que se propoñen para a creación de pezas audiovisuais son "Móvete co galego", "Conmóvete co galego" e "Promove o galego". 
 
Premios dixitais

O xurado elixirá un máximo de tres persoas e tres grupos finalistas por tema, valorando a calidade e orixinalidade da peza, así como o uso creativo das tecnoloxías e das ferramentas. De entre as tres propostas finalistas, o xurado escollerá unha persoa gañadora por cada un dos temas, tanto na modalidade individual coma na de grupo. Se as circunstancias o permiten, celebrarase un acto de entrega de premios.

O mellor vídeo individual de cada tema levará un teléfono móbil iPhone, e o grupal unha videocámara. Os restantes finalistas recibirán un smartwatch, na primeira modalidade, e un lote de libros, na segunda.

Ademais, os vídeos serán difundidos a través das contas de Instagram e Twitter do ILG e a través da súa canle de YouTube, e a peza que obteña unha maior puntuación de acordo coas interaccións a que dea lugar ao longo de todo o concurso recibirá como galardón unha tableta.

Comentarios