As inspeccións de Facenda a escritores xubilados xa chegan a Galiza

A Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega advirte que as inspeccións de Facenda para controlar os artistas que continúan facturando despois da xubilación xa están chegando a Galiza e xa están a ter efectos inmediatos nas actividades destes.

seguircreando-patxilopez
photo_camera Xuntanza da plataforma Seguir Creando co presidente do Parlamento español. Cesáreo Sánchez, á esquerda.

Segundo afirma Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, ademais da inspección á Fundación Neira Vilas denunciada nun artigo de opinión por parte do director de Galaxia, Víctor Freixanes, estanse a producir outras investigacións a escritores e artistas galegos, pero que non queren que trascendan os seus nomes. 

Esta presión, ademais de posibles sancións e pagamentos, sostén Sánchez, provoca “medo e retraimento, polo que moita xente está rexeitando dar conferencias ou obradoiros para evitar problemas”. 

A AELG está a participar nas negociacións con partidos políticos como membros da plataforma Seguir Creando, tanto a nivel estatal como a nivel galego, para modificar a lexislación de 2013 que limita a facturación e os dereitos de autor por parte de artistas que cobran pensións de xubilación. 

“En Galiza aféctanos menos o tema dos dereitos de autor, porque somos un sistema pequeno, pero está a ter moita incidencia en obradoiros e conferencias, aos que a xente está a renunciar por medo”, afirma Cesáreo Sánchez, quen mantén que estes castigos ao sector cultural son aínda máis duros en culturas como a nosa, “de especial fraqueza”. Ademais, de cara ao futuro, “é un elemento disuasorio contra a posibilidade de profesionalización”. 

“Nós non temos moitos escritores profesionais, pero no Estado hai bastantes, e moitos deles cobrando pensións non contributivas, o que lles impide facturar nin un só euro”. O poeta explica que no mundo das artes as cotizacións á Seguridade Social son moi irregulares, o que provoca que haxa pensións moi baixas.

Plataforma Seguir Creando

A finais de xaneiro varias entidades de creadores e creadoras (entre elas a AELG, CEDRO, SGAE, ACE, VEGAP e AELC) constituíron a plataforma 'Seguir creando' para reivindicar o dereito a continuar traballando de forma remunerada durante a xubilación sen perder a pensión. 

Estas organizacións consideran que esta medida é inxusta e está a causar “graves prexuízos” á cultura porque “se nos está privando do talento dos creadores con máis experiencia”. O obxectivo é equiparar a lexislación española á doutros países da Unión Europea, nos que xubilación e creación son actividades compatibles ao entender que a súa achega contribúe a enriquecer o acervo cultural dunha sociedade.

A plataforma reclámalle ao Goberno estatal a suspensión das inspeccións xa abertas e paralizar os actuais procesos postos en marcha polo Goberno contra algúns autores (como Antonio Gamoneda, Javier Reverte ou José Manuel Caballero Bonald); modificar a lexislación de 2013 que regula a materia; e deseñar unha nova normativa máis ambiciosa que recolla as necesidades especiais dos profesionais da creación, que teña en conta a especificidade do sector salvagardando os seus dereitos.
 

Comentarios