CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Inside Out'

Andrés Castro debúllanos o suceso cinematogático de Pixar. 

Out

DO REVÉS (INSIDE OUT)
(Estados Unidos 2015, 94 min.)
Dirección: Pete Docter e Ronaldo del Carmen
Guión: Josh Cooley, Pete Docter e Meg LeFauve
Música: Michael Giacchino

SINOPSE
A familia de Riley ten que mudar a San Francisco por mor do traballo do pai. Pero a mudanza fará que haxa un descontrol emocional que vai dificultar a adaptación na nova cidade, na nova casa e na escola.

CRÍTICA 
O director de Up e Monstros S.A, Pete Docter, coa colaboración de Ronaldo del Carmen, presenta unha das películas de animación que máis están dando que falar nos últimos anos... Que se é unha obra mestra, que se é a obra definitiva de Pixar, que se Pixar fixo madurar á Disney, que se é un prodixio visual, unha xenialidade, que se é unha obra mestra... vaia, isto xa o dixen. Pero é que “obra mestra” é un dos argumentos máis repetido pola maioría de crítica e público. Se ben estou por coincidir, paréceme un tanto precipitada esta definición. No que si coincido plenamente é no inmenso e concienciudo traballo que hai detrás de Do Revés (Inside Out) chea de profundidade dramática, matices e milleiros de detalles que fan dela unha absoluta marabilla para gozar tantas veces como ocasións teñamos para repetila. No apartado técnico é impecable. Destaca unha escena en concreto na que se xoga coa perspectiva que lembra, ou máis ben, ten certas reminiscencias, a Los Tres Caballeros de 1944, tamén de Disney. A banda sonora de Michael Giacchino, que xa gañara un Óscar por Up, leva camiño de repetir éxito. Encaixa coma unha luva. Mesmo ao final dos títulos de crédito (hai que quedar ate o final) sae un cantaruxando a peza central do filme. 

En canto a trama é xa para encadernar e poñer de materia obrigatoria en todas as Escolas de Cinema. En menos de cinco minutos dan as chaves principais de como funciona o maxín da protagonista e, por ende, dos demais personaxes do conto. Alegría, Tristeza, Medo, Asco e Ira cobran vida dentro do cerebro de Riley a modo de Érase unha vez a vida. Cada emoción cunha cor diferente que afectará ao comportamento de Riley segundo quen se poña aos mandos da consola de sentimentos.

InsideAmarelo para a alegría, azul para a tristeza, violeta para o medo, verde para o asco e vermello para a ira. Logo tamén hai pensamentos centrais, illas de personalidade, canles de comunicación, etc... en fin, un galimatías que se presenta de forma icónica para que sexa o máis sinxelo de entender por todo o público obxectivo a quen vai dirixido. Un público obxectivo que abrangue desde os máis cativos, os non tan cativos, adolescentes, pais, nais, avós... e maiores en xeral. En verdade calquera pode gozar do filme. Hai drama, melancolía, conflitos familiares, aventuras, fantasía e humor... moito humor. Atención ás veces que entra nas mentes das personaxes secundarias... Esmendrelle asegurado. 

Conta tamén con homenaxes e referencias, entre outras, a Brancaneves, Alicia no País das Marabillas, Totoro, Paxariños -unha das curtas máis famosas de Pixar- e outras tantas autoreferencias que probablemente se aprecien mellor nun segundo visionado, posto que moitas son case subliminais e hai que estar co ollo veloz. Un filme que fala de sentimentos, de como funciona o inestábel cerebro dunha rapaza de once anos e amosa o difícil que é crecer e que non pasa nada por estar triste por iso. Todo en pouco máis de hora e media onde se tratan infinidade de temas da psique que son dunha tremenda complexidade pero que en Do Revés (Inside Out) quedan perfectamente matizadas a través dunha imaxinería visual icónica que entra a formar parte de maneira instantánea de todo aquel que a mire. Pixar volveu dar no cravo. E xa van unhas cantas...

Comentarios