Inma López Silva: “A maternidade é, como a literatura, un proceso creativo"

Con Maternosofía (Galaxia), Inma López Silva comparte, a través da publicación do seu diario, a experiencia do embarazo e o nacemento da súa filla, Sofía. A escritora protexe no relato o seu "cuarto propio" e reflexiona arredor da creación e a maternidade. 

Inma López Silva
photo_camera Inma López Silva

Despois de achegarnos ao xénero memorialístico con New York, New York, a autora ofrece agora o seu libro máis “auténtico”, abre as portas da súa privacidade e rebélase contra a imposición ás mulleres do rol único da condición de nai. 

-O seu é un dos poucos libros que abordan o tempo de embarazo, por que cre que se escribe tan pouco dunha experiencia tan intensa? 

A raíz de tela vivido tamén o pensei. O motivo que a min me levou a escribir podería ser moito máis estendido. Escribimos sobre as nosas emocións e parece razoábel que cando che sucede algo importante apareza na literatura. Hai varios motivos que se me ocorren para que isto non aconteza nesta ocasión. Un deles é a tardía incorporación das mulleres, ou a tardía visibilización, á literatura que inflúe en que non se recolla unha experiencia que é máis feminina. Curiosamente, temos máis exemplos de homes que escribiron sobre a paternidade. Logo está tamén a idea de privacidade ou intimidade. Moitas escritoras buscan preservar o nivel das emocións ao ámbito privado e esta razón, máis de carácter persoal, pode ser unha das causas. Existen casos na literatura para nenos e nenas que explican a chegada ao mundo mais desde o punto de vista máis reflexivo ou ensaístico como podería ser unha novela sobre a maternidade non existe. 

-Kristeva defendía que, lonxe de ser conceptos contrarios, a maternidade pode favorecer determinada creatividade polos grandes temas que convoca como a paixón, a vida e a morte... É dicir, a maternidade promovería a creatividade. 

Comparto esa idea de Kristeva. Coñecía a teoría e só agora me decato de a que respondía. Se es creadora asumes todos os procesos creativos como parte propia e a maternidade é un proceso creativo máis. Estás construíndo unha vida distinta, un proceso creativo novo que, en certa medida, pode impulsar outras creacións como a literaria. 

"Estás construíndo unha vida distinta e iso, en certa medida, pode impulsar outras creacións como a literaria". 

-O libro foi escrito durante o propio embarazo?

Foi, seguindo o proceso. Algúns dos episodios foron máis elaborados despois, con notas tomadas no seu momento, mais na súa maior parte seguiu o ritmo do embarazo. A diferencia de New York, New York que foi escrito para min e os meus amigos e a decisión de publicalo foi posterior, Maternosofía naceu xa con conciencia de estar escribindo para os lectores. Quería facer un libro sobre a experiencia e comprobar tamén se as miñas opinións se ían modificar, se o son ía seguir sendo despois do nacemento. 

-Maternosofía chama a atención pola súa desinhibición. Vostede deixa á luz a súa intimidade, por que decidiu abrir tanto o espazo privado?

Porque sabía que o posíbel interese do libro para alguén que se achegue a el estaba na súa autenticidade, en demostrar que isto non era unha crónica senón a experiencia persoal de alguén a quen lle estaba a acontecer o que se narraba. Non quere ser un ensaio aínda que ten algo de ensaístico e tampouco busca ser unha confesión aínda que comparte os aspectos máis privados da autora, nesa busca da autenticidade. 

-Nese sentido fala da “incontinencia artística” das escritoras que precisan “converter en literatura todo o que acontece”. Non a moitas lle pasa neste caso...

Igual non lle pasa a todo o mundo con esta intensidade. Eu amoseime totalmente nun libro que non é ficción. New York, New York xogaba coa idea de se o que se narraba era real ou ficción mais neste caso non foi así. Este punto exhibicionista téñeno todos os escritores e poden mostralo a través da ficción ou doutra maneira, mais o certo é que nos abrimos por natureza porque de non ser así non escribiríamos. 

"No embarazo todo se prepara para infantilizarnos, para tratarnos como se padecésemos unha enfermidade da que nos hai que coidar e, ao mesmo tempo, imponse tamén a idea do sacrificio".

-Tamén se deu unha relación conflitiva dalgunhas escritoras coa maternidade, na mesma liña da busca do cuarto propio que, neste caso, tende a facerse máis pequeno. Doris Lessing, por exemplo, dicía que non había aburrimento maior que unha muller que pasa o día enteiro cun bebé. 

Entendo perfectamente o que pode ser ese sentimento. Algúns dos pensamentos de Maternosofía van nese sentido, da esixencia social que se lle impón ás mulleres nais. Neste caso, quixemos que o diario non rematase no propio libro e abrimos un blog na páxina de Galaxia no que vou escribindo sobre a maternidade despois do nacemento. Unha das últimas entradas vai nesa liña, en como a vida se presenta como un conflito continuo entre o desexo de ser independente á marxe desa dependencia absoluta, entre o amor ao bebé e a min mesma. Doris Lessing era doutra xeración e a imposición era moito maior. Eu teño opción de rebelarme contra iso mais as que optaron pola súa independencia na época de Lessign tiveron que pagar un prezo altísimo. 

-De todas maneiras, esa presión sobre a maternidade continúa a existir?

Prevalece. Dedícolle un capítulo á idea de que no embarazo todo se prepara para infantilizarnos, para tratarnos como se padecésemos unha enfermidade da que nos hai que coidar e, ao mesmo tempo, imponse tamén a idea do sacrificio. Queren coidarte e invalidarte para outras facetas da túa vida. Vas ser escrava do embarazo e a maternidade. E mesmo hai unha liña dentro do feminismo que se está a volver perversamente contra nós porque basea a nosa identidade na posibilidade que temos de parir. As conquistas sociais quedan a un lado. 

- De aí o que vostede chama a “Seta da Teta Fora”, con moito atrevemento, por certo. Nalgún momento confesa tamén que sabe que a súa posición vai provocar polémica. 

Revélome contra esa posición extrema e, de feito, unha das entradas do blog, a que máis comentarios detractores ten, chámase “Aleitar ou a tortura”. Todo o argumento que empregan é que estás desinformada cando eu non me atrevería a escribir sen me informar antes. Practico a dúbida e o sentido común e considero que facernos crer que depende de nós é un erro. Parte da idea de continuar contando as reflexións no blog é precisamente porque comprobei que moita xente opina o mesmo e non se atreve a dicilo. Tiña que contar como foi e como se impón unha dependencia extrema das mulleres co que se presenta como prioridade absoluta. E non é que estea en contra do aleitamento xa que eu lle din peito a miña filla ate os oito meses. 

-A súa tese é que amar non é incompatíbel con ser independente entón? Conseguiu manter o seu “cuarto propio”?

Desde o punto de vista intelectual creo que o estou conseguindo mais hai motivos que van máis alá de min mesma e que hai que ter en conta. Teño a sorte de que o meu entorno comprende unha situación que socialmente aínda non se asume. Se tes a sorte de estar rodeada de quen entende que unha muller non ten que ser máis nai que un home pai facilítache moito manter esa independencia. Temos que loitar contra a nosa propia educación, contra o machismo estrutural no que vivimos . Existe unha forte presión social para que ti, como muller, fagas concesións na túa vida a causa da maternidade e eu creo que hai que loitar contra iso. 

-Moitas mulleres comentan que o primeiro que desaparece é o tempo de lecer. 

Completamente e se estás no teu tempo de lecer o primeiro que che preguntan é onde deixaches á nena. Non se asume que actualmente hai moitas opcións para que podas facer a túa vida e non só no laboral. Entra dentro da cultura do sacrificio, de que tes que dedicarlle todo ao teu fillo. De todas maneira,s considero que o meu nivel de dedicación e compromiso non é menor. Ao meu ver, parte da educación dos fillos vai tamén en que comprendan que as persoas van máis alá dos seus roles. Tendo unha nena, eu tiña especialmente clara esta idea porque non quero educala na perpetuación dos roles. Nese sentido, agradézolle moito a miña nai que me demostrara que as mulleres tiñamos que ser doutra maneira. Tamén é certo que sei que para iso é preciso apoio e unhas costas anchas. 

"Decateime de que o libro ía gañando en tenrura a medida que avanzaba o proceso de embarazo, como deixando constancia desa aprendizaxe do amor cara ese ser que vai nacer"

-Maternosofía é tamén un libro cheo de tenrura. 

Percibino despois, cando decidimos publicalo. Non era consciente desa dimensión e só cando o revisei, no proceso de preparación para a edición, decateime de que o libro ía gañando en tenrura a medida que avanzaba o proceso de embarazo, como deixando constancia desa aprendizaxe do amor cara ese ser que vai nacer. Nese sentido, conta a visión do mundo e un proceso emocional interno. 

-Nun ensaio sobre a maternidade e a creación Ursula Le Guin fala do concepto “escribir o corpo”, como pedían Virginia Wolff ou Helene Cixous. Ese proceso no que se intensifica a tenrura respondería a esa idea?

Perfectamente. Unha das experiencias do embarazo que máis me impactaron foi tomar maior conciencia do propio corpo. Eu, por sorte, non tivera enfermidades importantes e só nese momento puiden comprobar o que significaba que o corpo se impuxese, que fose quen controlase. Os que traballamos coas ideas e a creatividade tendemos a pensar que todo o podemos controlar e de aí tamén a sorpresa, era o corpo o que me controlaba. É moi curioso e moi suxestivo e sentes a necesidade de contalo. 

Comentarios