Inma López Silva: "Son unha das primeiras sorprendidas de ter escrito un libro de poemas"

A escritora Inma López Silva é a gañadora da actual edición do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, convocado polo Concello de Dobro. O xurado destacou da súa obra, Clepsidras, “a potencia das imaxes que van artellando un discurso arredor da xenealoxía feminina, ao patente reflexo das violencias cotiás, así como a exploración que fai da lingua e das formas do dicir”. Conversamos coa autora sobre o seu inesperado salto á poesía. 
 
A escritora Inma López Silva vén de gañar o premio Eusebio Lorenzo Baleirón de poesía (Foto: Judith Cendón).
photo_camera A escritora Inma López Silva vén de gañar o premio Eusebio Lorenzo Baleirón de poesía (Foto: Judith Cendón).

Vén de gañar o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón coa obra Clepsidras. Como recibe a noticia?

Imaxina, con moita alegría porque cando me deu por escribir poemas fun eu a primeira sorprendida [risos]. Case foi un arrouto. 

Cando decidín darlle forma de libro ao conxunto de poemas que tiña, eu mesma me puxen na tesitura do que iso implicaba. É dicir, teño un libro de poemas, pensaba, que fago con el? Que nivel de sorpresa pode ter a xente cando eu son tamén unha das primeiras sorprendidas de ter escrito un libro de poemas? Por enriba, que o premiaran resultou mel con filloas. Deste modo, alguén que non son eu, que o le, está a dicirme que é publicábel, que pode ser lido por máis persoas. 

Porque é a súa primeira incursión na poesía...

Cando levas moitos anos facendo só un xénero sénteste moi insegura ao mudar para outro. Sabes que seguramente es quen de facelo ou que acabarás aprendendo, mais a seguridade e a comodidade non a tes até que pasa moito tempo... O feito de que un xurado lera o poemario e decidira que non estaba tan mal é unha forma de aprobación que anima a seguir. 

O Eusebio Lorenzo Baleirón é ademais un premio bonito. É moi relevante que un concello pequeno, como o de Dodro, lograra manter durante 34 anos un galardón deste estilo. Nestes ámbitos, o difícil non é só alcanzar o prestixio, senón consolidar no tempo. E iso hai que polo de relevo. A actividade cultural que xera un premio, a propia homenaxe a Eusebio, que era un grandísimo poeta, e que todo isto se manteña e que o faga un concello pequeno, cos recursos que teñen, é moi loábel. 

Do poemario valoraron «a potencia das imaxes que van artellando un discurso arredor da xenealoxía feminina». Que nos pode adiantar da temática?  

Si, desde o xurado entenderon moi ben esa liña, esa idea da xenealoxía, que eu a pensaba desde o punto de vista do paso do tempo. 

Titúlase Clepsidras porque o poemario en si é unha reflexión sobre o que é a vida, o que implica o paso do tempo na vida e concretamente o paso do tempo na vida dunha muller, que ao final é indefectíbel do vínculo coa procreación porque todas somos fillas de alguén. 

Esa reflexión sobre a idea de permanencia ou o contraste entre a permanencia e a volatilidade de todo o que nos rodea é o fío condutor. 

A clepsidra é o reloxo de auga. Seguindo esa imaxe, como podemos medir o paso do tempo con algo inaprensíbel como é un líquido?

Tamén destacan do seu traballo que «a nivel formal consegue unha cadencia rítmica altamente suxestiva». Como foi para vostede o proceso creativo? Moi diferente ao da narrativa?

Cando escribo narrativa para min é importante esa sensación de sonoridade, que o que escribas nun momento dado soe, ben ou mal, que sexa capaz de quedar na memoria auditiva de quen está lendo. Iso para min é importante na narrativa porque ademais axuda a memorizar, individualizar personaxes... Levar isto á poesía, aínda que parece o procedemento contrario, era moi importante para alcanzar esa cadencia. 

A idea de que a poesía é ante todo a linguaxe literaria do ritmo, da sonoridade e de como interiorizamos un discurso... É unha cuestión traballada que intentei que estivese moi presente... Até me atopei a min mesma contando versos e podo dicir que ten utilidade! [risos]. Quería manter este procedemento poético máis ou menos clásico. 

Tratei, así mesmo, desde un punto de vista máis conceptual, ter unha estrutura, que o poemario presentara unha cadencia estrutural, que lle dese sentido unitario, e creo que isto si vén da narrativa, que é sempre unha unidade. Non quería só un conxunto de poemas soltos.
 

Comentarios