Desde o inicio da crise destruíronse en Galiza 10.000 empregos relacionados coa cultura

En 2009 este sector representaba o 3% dos empregos no noso país. Cinco anos despois, caeu ao 2,4%. Porén, os rexistros son agora mellores que en 2011 ou 2012.

A Plataforma Cultura no Gaiás

En Galiza había en 2013 -último ano contabilizado- por volta de 24.000 empregos relacionados con actividades culturais. Son dados do Anuario de Estatísticas do Ministerio de Educación e Cultura recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE). É o 2,4 por cento dos traballos que hai no noso país. A cifra, embora a súa importancia, é moi inferior á que había neste sector en 2009, cando a crise comezaba a bater con forza.

Daquela había en Galiza por volta de 34.000 empregos relacionados con actividades culturais, 10.000 máis que en 2013. O seu peso no conxunto dos postos de traballo era do 3%. Malia o descenso neste período, o ano pasado houbo unha recuperación do emprego neste sector en comparación co 2012, cando os postos de traballo eran 21.000.

Estado español

En 2013 no conxunto do Estado español este tipo de empregos rondaban os 485.000, o 2,8% do total (lembremos que en Galiza a porcentaxe nese ano era do 2,4%). En 2009 no Estado español eran 545.000 os postos de traballo relacionados con actividades culturais, 60.000 máis que no exercicio 2013. Naquel 2009 o peso destes empregos no conxunto do mundo de traballo a nivel do Estado era do 2,9% (na Galiza, 3 por cento).

Comentarios