Iníciase a nova edición do Aparte de teatro profesional

O Circuíto de Teatro Profesional Aparte, da Deputación de Lugo, bota a andar desde xullo até finais de ano con 36 representacións en diversos concellos e coa participación dunha decena de compañías.
DSC_0525[1]
photo_camera A deputada Ferreiro, no centro, na presentación de Aparte. (Foto: Nós Diario)

A Deputación de Lugo vén de presentar unha nova edición do Circuíto de Teatro Profesional Aparte, para o que se conta coa colaboración de concellos e asociacións de diversas comarcas.

Segundo comunicou a vicepresidenta Maite Ferreiro, unha decena de compañías son as que van participar neste novo Aparte: Trécola, Titiriterra, Micromina Teatro, Lîlâ, Ubú Teatro, Señor López Producións, Ítaca Teatro, Piconús, Teatro baixo da área e A compañía solitaria do Dr. Monifate.

A programación ponse en marcha coa mesma fórmula que en 2020, para facilitar que tanto concellos como asociacións teñan marxe para mudanzas ou adiamentos, en función da situación sanitaria de cada momento.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, sinalou durante a presentación de Aparte que coa organización deste ciclo “mantense o apoio á rede de compañías de teatro e facilítase que todas as persoas poidan gozar das artes escénicas e da actividade cultural en todo o territorio”.

Maite Ferreiro agradeceu “a colaboración de concellos e asociacións para levar a cabo esta programación teatral  que é un dos sinais de identidade da política cultural desenvolvida desde a Deputación de Lugo nos últimos anos”.

Tamén explicou que “a posta en marcha do Buxiganga foi un punto de inflexión para as artes escénicas en Lugo. Ao seu abeiro naceron algúns dos grupos de teatro que hoxe son profesionais”. Deste modo, remarcou: “O circuíto incorpora un grupo máis que o ano pasado, A compañía solitaria do Dr. Monifate,  e a maior parte das compañías ofrecen montaxes novas”.

Calendario Aparte 2021

O circuíto profesional de teatro Aparte conta cun orzamento de 50.000 euros e o seu calendario inclúe 36 representacións en Cervo, Burela, O Vicedo, O Valadouro, Foz, Barreiros, Lourenzá, Alfoz , Ribadeo, Viveiro, Riotorto, Meira, A Pastoriza, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Friol, O Corgo, Rábade, Guitiriz, Vilalba, Xermade, Sarria, Triacastela, O Inicio, Monforte, Quiroga, Sober, Pobra do Brollón, Bóveda e Pantón.

As actuacións decorren desde esta semana até o remate do ano, maioritariamente as fins de semana, mais non só. Ademais, a este circuíto váiselle unir en próximas datas o de teatro afeccionado.

Comentarios