Os informes de José Cornide para invadir Portugal

Invadir e anexionar Portugal foi un dos grandes soños da política española. Seica mesmo o propio Franco tiña un plan. O coruñés José  Cornide tamén deseñou o seu plan para Carlos IV.

Porto cara 1835
photo_camera Porto cara 1835

José Cornide, nado na Coruña e morador nunha casa hoxe propiedade da familia de Franco,  home público que desenvolveu unha intensa actividade, realizou entre 1798 e 1801 unha viaxe a  Portugal, cuxo resultado se publicou en libro baixo o título Estado de Portugal en el año de 1800, dentro da colección de “documentos, opúsculos  y antigüedades” da Real Academia da Historia, da que Cornide foi secretario e en cuxa sede madrileña, por razón de cargo, morou varios anos.

O motivo oficial da viaxe a Portugal foi atender a encomenda da Real Academia da Historia, que por súa vez atendía unha Real Orde para publicar as obras completas de Afonso  X. Os traballos comezaron cunha edición do Libro das Partidas para a que se debía ter en conta todos os códices existentes, entre eles un que se acharía na Torre do Tombo, copia supostamente  tomada a Juan I de Castilla na batalla de Aljubarrota.

José CornideEn 8 de xuño de 1798 a Academia resolvía que “siendo necesario enviar al Archivo de la Torre del Tombo de Lisboa persona de inteligencia, celo y legalidad, para sacar una exacta y fiel copia del expresado códice de las Partidas, no hallaba otro más a propósito por todas sus circunstancias que nuestro académico numerario Sr. D. Joseph Cornide” 

A viaxe, subvencionada polo goberno con 5.000 reais por mes, comezou o 20 de outubro de 1798, día en que Cornide, acompañado de dous escribentes, “uno de ellos perito en dibujo”  iniciou viaxe cara a Lisboa. Este perito en debuxo foi Melchor de Prado y Mariño, o afamado arquitecto galego que traballou na fábrica de Sargadelos e nas reformas urbanísticas de Ribadeo e Noia, alén de fixar as trazas para as fachadas das igrexas de San Miguel dos Agros, San Bento do Campo e a capela das Ánimas, todas elas en Compostela, xunto con outras obras na Coruña e en Lugo. O outro acompañante foi o mexicano Manuel Carrillo de Albornoz.

En Lisboa ninguén sabe nada do códice procurado. Con todo, Cornide permaneceu en Portugal até o tres de marzo de 1801

En Lisboa ninguén sabe nada do códice procurado. Con todo, Cornide permaneceu en Portugal até o tres de marzo de 1801, momento en que “se le mandó salir de Lisboa” a consecuencia dos conflitos políticos que deron por resultado a guerra España- Portugal de 1801, a coñecida como Guerra das Laranxas. Nestes anos Cornide percorreu Portugal. Primeiro, en 1799, o Algarve e parte do Alentejo; seguiu pola Estremadura na primavera de 1800 e polas Beiras, o Minho e Tras-os Montes xa en 1801. De todo tomou nota. Fortes defensivos, pontes nos ríos, barrancos perigosos, capacidade produtiva de cada territorio, censos de poboación...

Unha parte desa viaxe é recollida no libro El Estado de Portugal, publicado postumamente, en 1893. Outras partes permanecen inéditas e algunhas eran para non ser publicadas. Tal é o caso dos Informes para invadir Portugal.

Os informes para invadir Portugal

Son tres informes e unha carta:

1. Introducción a la Memoria sobre el modo de hacer la guerra a Portugal y a  la descripción de sus plazas fronterizas.

2. Observaciones sobre el modo de hacer la guerra contra el reino de Portugal.

3. Noticia de las plazas fronterizas del reino de Portugal y terreno intermedio.

4. Carta al Duque de Frías sobre la forma de invadir Portugal.

Centrémonos un pouco nesta, por ser a explicación dos informes anteriores. Nela, na carta, escrita a comezos do ano 1800, Cornide enumera as razóns dos fracasos de todas as empresas militares anteriores, salientando que só tivo éxito a emprendida por Filipe II, non tanto pola boa disposición táctica da guerra, mais, “principalmente porque contaba con muchos partidarios en Lisboa”.  Todo o demais foi “un mal concertado plano”.

Para Cornide, a falta de planos e mapas dos territorios a onde se vai facer a guerra é a causa de todos os desastres. É inaceptábel, di, que, por exemplo, se leve o exército ás marxes do río Esla sen contar con pontes para o atravesar. Ou que se pretenda tomar Lisboa atravesando a Serra da Estrela sen coñecer os perigosos barrancos que alí hai. 

Fronte ao concepto dos vellos xenerais, partidarios de ir conquistando prazas pequenas, Cornide móstrase partidario, e así llo comunica ao Duque de Frías, de ocupar Porto e Lisboa nunha rápida operación. E ao tempo asegurar aqueles territorios que poden ser a base do subministro alimentario. E todo cunha boa comunicación entre os mandos utilizando o telégrafo como elemento de transmisión de información.

Casa CornideA ocupación do Porto, por exemplo, asígnalla Cornide ao exército da Galiza, que entrando por Lobios e a Portela do Homem, chegaría rapidamente a Braga e de aí a Porto, da que só dista oito leguas e apenas ten unha vella muralla para a que nin se precisa artillaría. Se houbese algunha resistencia no forte da Foz, desde Vigo traeríase unha frota que desembarcaría en Matosinhos con soldados e alimentos. Ocupado Porto, “se entregarán sin dificultad todos los pueblos de la provincia de Miño”. Non esquece Cornide o apoio que dentro de Portugal tivo Filipe II. Por iso lembra que, no caso de ser necesario, que unha “contribución no menos importante se puede sacar de esta ribera y son muchos y robustos gallegos que trabajan sus viñas y, como vasallos del rey de España, se les puede obligar a tomar las armas y reforzar con ellos el ejército”.

Só o exército de Estremadura entrou en Portugal, seguindo case ao pé da letra as indicacións de Cornide

As indicacións de Cornide, na súa globalidade, nunca se levaron a efecto. Con todo, si parece que se tiveron en conta na breve Guerra das Laranxas pois os españois posicionaron tres exércitos: na Galiza, na Estremadura e na Andalucía. Só o exército de Estremadura entrou en Portugal, seguindo case ao pé da letra as indicacións de Cornide. O Duque de Frías, destinatario da carta, centralizou en Badaxoz toda a información para preparar a invasión. Unha invasión que encontrou pouca resistencia en Portugal que, por outra parte, tampouco contaba con grandes posibilidades defensivas. 

Cornide morreu en 1803, en Madrid. A súa casa da Coruña foi adquirida, en 1962, por Pedro Barrié de la Maza, na cantidade de 305.000 pesetas e ofrecida como galano aos Franco. 

Igual foi nesta casa onde se esfumaron os soños de Franco invadir Portugal....

Nota: As ilustracións que acompañan o texto son un gravado de Porto, o retrato de Cornide e unha imaxe da súa casa na Coruña, actualmente propiedade da familia Franco.

Comentarios