Teatro

A infancia de Rosalía sobre as táboas

Rosalía, de Culturactiva, será a primeira produción teatral en tratar a infancia de Rosalía de Castro.
Imaxe promocional de 'Rosalía'
photo_camera Imaxe promocional de 'Rosalía'

A obra Rosalía será a primeira produción teatral en pór o foco na infancia da escritora galega. A montaxe céntrase no que considera un momento fundamental para a vida de Rosalía de Castro: a mudanza de Padrón a Compostela. Aínda que xa ten o baúl preparado, a cativa non está certa da decisión. Este é o punto de partida co que Rosalía describe unha nena fantasiosa e rebelde que xa mostra o seu precoz interese pola palabra.

Destinada a público infantil, especialmente aquel entre 9 e 12 anos, a obra chegará aos teatros o vindeiro mes de febreiro. Culturactiva produce este espectáculo dirixido por Fina Calleja sobre un texto de Nate Borrajo. A actriz Cristina Collazo asumirá o papel da nena Rosalía, mentres Rocío González interpretará dúas personaxes distintas, a amiga de xogos da protagonista e a súa principal coidadora.

Achegar as máis novas á biografía de Rosalía de Castro dunha maneira amena é o principal obxectivo desta produción. A explicación humanizada da vida da escritora procura, ademais, axudar a que no futuro as espectadoras comprendan mellor a influencia da súa experiencia vital na escrita poética.

Comentarios