As inesgotábeis lecturas de Rosalía de Castro

Recupéranse as obras pero falta a edición crítica total
RosaliaFenollera-Imaxes 2
photo_camera Rosalía de Castro nun retrato de 1900 pintado por José María Fenollera. Imaxe: Fundación Rosalía de Castro.

A lectura dun clásico non remata. É infinda. Segundo as célebres instrucións de Italo Calvino, "un clásico é un libro que nunca termina de dicir o que ten que dicir". A esa categoría pertencen, sen dúbida, varias obras de Rosalía de Castro (Compostela, 1837-Padrón, 1885). Próbano, por caso, as numerosas reedicións, ás veces críticas e comentadas, da que son obxecto. En las orillas del Sar (Xerais, 2019) a cargo de Anxo Angueira; El primer loco (Alvarellos e Consorcio de Santiago, 2019) e a edición facsimilar de todos os seus manuscritos (Boreal Ediciones) son apenas os últimos exemplos. Mais no cuarto hai un elefante: a ausencia dunhas obras completas con aparato crítico e que atendan ademais á inxente produción espallada da poeta.

"Rosalía de Castro aínda está deficientemente editada", sinala María do Cebreiro Rábade Villar (Compostela, 1976), autora, canda o catedrático de Princeton Germán Labrador (Vigo, 1980), do sorprendente e complexo estudo introdutorio da novela El primer loco, "aínda que houbo avances nos últimos anos". Amais das citadas, o propio Angueira (Dodro, 1961) tamén deu ao prelo as últimas edicións dispoñíbeis de Cantares Gallegos (Xerais, 2013) e Follas Novas (Xerais, 2016). Pilar García Negro revisitou os Cantares en Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro (Alvarellos, 2013). "Porén, aínda falta unha edición que poidamos considerar canónica, unha edición filolóxica convencional", engade Rábade Villar para Nós Diario.

Murguía e Madrid

A primeira tentativa de reunir a escrita de Rosalía aconteceu entre 1909 e 1912. O responsábel, Manuel Murguía. E a editorial, Librería de los Sucesores de Hernando, de Madrid. En catro volumes. "Tivo moito impacto", considera Angueira a este xornal, "pero non só por aspectos positivos. En todo caso, foi pioneira". Entre a morte da escritora e a etapa final dun rexionalismo a piques de desembocar nas Irmandades da Fala, o seu viúvo inicia "o proceso de canonización moderna de Rosalía", en palabras de Rábade Villar. Que, dalgún xeito, se afianzou con outras obras completas, as editadas e prologadas por Victoriano García Martí na editorial Aguilar (Madrid) en 1944, enormemente populares. "Tampouco resulta un asunto menor que se publicasen en Madrid", acrecenta, "para entender o que fan Murguía e Rosalía cómpre atender sempre ás relacións entre centro e periferia".

Mais trátase de edicións enfocadas antes ao público lector ca a investigadoras ou estudosas. Como algunha das que se fixo de Cantares Gallegos nas comunidades galegas migrantes de América na posguerra e que, a dicir de Angueira, "foron fundamentais, e non por razóns filolóxicas". O enorme relevo popular de Rosalía de Castro tamén se forxou con estas iniciativas xurdidas desde abaixo.
Angueira, que na súa introdución a En las orillas del Sar teoriza sobre o "intenso carácter nacional galego" do volume, atribúe a carencia dunha edición científica completa de Rosalía de Castro á "falta de tradición". "Talvez houbo outras urxencias", di, "e, de feito, sucede con outros autores, dos que tampouco existe un traballo así. Como sucede con Otero Pedrayo, por poñer só un exemplo".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios