Contracultura

Iria Friné: "A arte galega non só contén moito dentro de si mesma, senón que pode dar moito máis"

Iria Friné, historiadora da arte e divulgadora, analiza as influencias artísticas e intelectuais no seu artigo Agora ou nunca. O cartel do Estatuto de Castelao publicado no último número da Revista Mazarelos. Friné aborda a necesidade de facer un estudo pormenorizado destas obras xa que, como ela di, “sen contexto é difícil comprender a profundidade e a importancia do calado”.
A historiadora da arte, fotógrafa e divulgadora, Iria Friné (Foto: Nós Diario).
photo_camera A historiadora da arte, fotógrafa e divulgadora, Iria Friné (Foto: Nós Diario).

Cal era o obxectivo ao comezar este estudo dos carteis do Estatuto?

Eu estaba investigando sobre a biblioteca de Luís Seoane, quen recollera moito da arte europea contemporánea e moderna, así como da arte galega que el coñecía de primeira man. Así, atopei moitas referencias iconográficas, sobre todo que el empregara ou que recollera da arte gótica ou antiga e que tamén estaban presentes e influíran na obra de máis artistas da Galiza como podía ser Castelao.

A cuestión é que todo isto ten unha relevancia a nivel social pola súa carga histórica, mais tamén a nivel artístico, tanto polo valor da ilustración en si mesma como por todas as influencias que hai antes e despois. 

Eu penso que a arte galega precisa somerxerse no seu ambiente, que é o ambiente de Europa. Formamos parte da cultura europea, da cultura universal, porque non hai que esquecer que nos anos 20 creouse esta famosa idea da universalidade. Cando se coloca a arte galega no seu ambiente, na súa época, vese o moitísimo que Galiza se movía no mundo. Non é de estrañar que moitas destas persoas contaran con grandes bibliotecas de poetas e demais artistas de Europa e ao mesmo tempo tiveran esta maneira de verse no mundo. 

Cre que falta unha maior análise destas ilustracións?

A arte galega non soamente contén moito dentro de si mesma, senón que pode dar moito máis. A cultura galega pode dar moito máis. Contamos cun legado riquísimo a nivel histórico e tendo en conta o nivel actual de formación, de posibilidades de viaxar e de ler, é posíbel sacarlle moitísimo máis partido. Hai que manter uns estándares altos de investigación, o cal non significa facer algo intragábel, senón facer un bo traballo e ao mesmo tempo saber comunicalo.

Cando se colocan nunha soa parede todos eses carteis vese perfectamente os anos de traballo previo, toda unha linguaxe iconográfica que vén de moi atrás. Estamos a falar de persoas que dedicaron anos da súa vida a facer os seus traballos e as súas carreiras, mais que van máis aló de si mesmos, do seu tempo. Son quen de coller séculos de historia, arte, literatura e mesmo da existencia e vertelo nunha imaxe. 

O cartel de Díaz Baliño con esa espléndida muller coa estrela e a roda, o de Vidarte coa estrela rompendo as cadeas, o de Díaz Pardo con outra estrela rompendo as cadeas... Todo iso fai ver que hai persoas que exerceron influencias como artistas e como intelectuais e que isto tivo eco a distintos niveis.

Estes carteis recollen o eco e o trasladan a unha sociedade que entendía perfectamente o que se quería dicir: emancipación, ter o destino nas nosas mans. Cada artista ten o seu estilo e as súas influencias, naturalmente, mais eu penso que sería bo facer por unha banda un estudo de investigacións dos carteis e logo facer unha exposición con eles, mostrando aquelas obras previas que influíron en cada un.

É así como poderíamos entender o que significou ver toda unha parede con eses carteis postos, convertendo as rúas nunha galería de arte e cos valores que estaban transmitindo.  
 
Sería pór en relación as imaxes entre si, mais tamén estas co público, non?

Totalmente. Hai que darse de conta de que non podemos entender Castelao sen Díaz Baliño, igual que non o podemos entender sen Isaac Díaz Pardo. Mais tamén hai que entender a sociedade galega do 36.

Era unha sociedade en transformación, que estaba a vivir unha república novísima e na que se puña sobre a mesa unha cuestión como foi a do Estatuto. Hai que entender a súa forma de producir, a súa educación, o estilo de vida, que era o que se propoñía o Estatuto... Sen contexto é difícil comprender a profundidade e a importancia do calado. 

Comentarios