O mundo da cultura reacciona

Indignación polo desmantelamento do 'Diario Cultural'

O desmantelamento do Diario Cultural tal e como se coñecía despois de 28 anos de emisión na Radio Galega está provocando unha enorme vaga de reaccións no mundo da cultura. Asociacións profesionais, intelectuais, xornalistas, escritoras, deputadas ou organizacións políticas amosan a súa indignación e rexeitamento nas redes sociais e en comunicados.
 

Radio Galega, Teatro radofónico, Ana Romaní
photo_camera A directora do 'Diario Cultural', Ana Romaní, durante unha representación de teatro radiofónico do programa.

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega emitiu unha declaración en que se dirixe á dirección da radio pública para “demandar a continuidade do Diario Cultural” e amosar “o seu apoio a toda a equipa do programa dirixida pola poeta e xornalista Ana Romaní”. “Eliminan un recoñecido programa, emblemático, e diminúe deste xeito a xa cativa programación sobre a nosa cultura e a nosa literatura”, engade.

A asociación tamén critica que a emisora anuncie “a desaparición de dous informativos diarios, cos seus contidos culturais, que se facían desde as delegacións locais da Coruña, Vigo, Lugo e Ourense”. “As realidades locais, nas que se incardina tanta da nosa cultura, e os creadores e creadoras que dan forma á nosa biodiversidade cultural, ficarían minorizadas”, di, “esta mudanza empobrece de xeito determinante o conxunto da Radio Galega”.

A Asociación Galega de Editoras pronunciouse vía twitter, medio a través do que reivindicou “a permanencia do Diario Cultural na Radio Galega polo seu apoio á difusión do libro galego”. A Mesa pola Normalización Lingüística “súmase ao clamor para que se manteña” o programa. Como o fixeron Escena Galega, “a asociación de referencia para o sector profesional das artes escénicas”, e a Asociación de Xestores Culturais. Ou empresas editoriais como Kalandraka e Apiario.

Na esfera política

A esfera política non permaneceu allea á indignación desatada pola decisión unilateral da dirección da Radio Galega. O BNG lamentou a supresión crecente de “voces e contidos críticos” da grella radiofónica e “o uso absoluto da CRTVG ao servizo” do PP. Compostela Aberta dixo tratarse doutro “paso máis no exterminio de toda illa de diversidade e pluralidade nos medios públicos”. A Deputación da Coruña falou no mesmo sentido.

A portavoz nacionalista Ana Pontón, a eurodeputada do Bloque Ana Miranda, o alcalde de Compostela Martiño Noriega (Compostela Aberta), a dirixente socialista Mercedes Rosón ou o deputado no Congreso de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello tomaron partido en defensa da conservación do Diario Cultural. E ducias de escritores, escritoras e xornalistas activos nas redes sociais deron percorrido aos hashtags #SalvemosODiarioCultual e #QueremosDiarioCultural.

Comentarios