Indie, soul, hip-hop, folque, tradicional... trece categoría para os Premios Galegos da Música

Do indie ao soul, do hip-hop á clásica, do jazz á tradicional, da música de verbena ao metal. Ningún estilo queda á marxe das trece categorías dos Premios Galegos da Música Martín Códax que promove a Asociación de Músicos ao Vivo. Os galardóns entregaranse nunha gala o día 13 de decembro. 

Presentación dos Premios da Música
photo_camera Presentación dos Premios da Música

Tres proxectos por cada unha das 13 categorías serán destacados na primeira convocatoria na que tamén se fará unha mención honorífica para a traxectoria musical dunha persoa do mundo musical galego. Queren así “botar luz” sobre 39 proxectos musicais en activo, contribuíndo coa súa mención a unha maior difusión. 

As trece categorías que entran en concurso serán: Pop e Indie; Rock, Blues, Funk e Soul, Metal, Hip Hop e Músicas Urbanas; Reggae, Ska e Mestizaxe; Electrónica; Clásica e Contemporánea; Jazz e Músicas Improvisadas; Música Tradicional Galega; Folque; Músicas do Mundo; Música Infantil: Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena ademais do premio honorífico a toda unha traxectoria musical. 

Poderán presentarse todos os proxectos musicais en activo que teñan residencia ou actuación en Galiza, non se esixe que teñan disco gravado xa que pretenden valorar de maneira especial a música ao vivo. Se é de fóra, terán que ser, cando menos, galegas a metade das persoas integrantes. 

“Facer país” é o obxectivo que se marca a Asociación de Músicos ao vivo á hora de crear estes novos premios que teñen como obxectivo recoñecer, promover e difundir a creatividade musical e as industrias do sector. “Temos presente que a enorme produción e creación musical da que gozamos en Galicia non chega a tódolos sectores da poboación tal e como debería” sinalan na creación e queren, por iso, darlle visibilidade ao que definen como o “sector produtivo con máis potencial dentro da cultura galega”. 

"Temos presente que a enorme produción e creación musical da que gozamos en Galicia non chega a tódolos sectores da poboación tal e como debería” 

Artistas ou grupos inscribiranse directamente a través da web  www.premiosgalegosdamusica.com e serán os socios e socias de Música ao Vivo quen elixa en dúas quendas os proxectos premiados, primeiro os finalistas e despois os gañadores. 

A Gala dos Premios Galegos da Música na que se darán a coñecer os nomes dos proxectos gañadores terá lugar en Pontevedra o día 13 de decembro. O prazo de inscrición está xa aberto despois da presentación que correu a cargo da concelleira de Pontevedra, Anxos Riveiro, o director de Agadic, Jacobo Sutil, a representante de Martín Códax, María Garrido e Xacobe Martínez de Músicos ao Vivo, que promoven a iniciativa.

Comentarios