Algúns títulos para afondar na vida e na obra de Xela Arias

Independencia e modernidade: os valores que se celebran neste Día das Letras

Ler sobre Xela Arias podería facerse coa banda sonora de Lou Reed ou co son das impresoras dunha editorial da que saen traducións ao galego de Baudelaire ou de Joyce. As múltiplas caras da poeta, tradutora e editora son tratadas en varios volumes que destacan a independencia dunha personalidade que trazou o seu propio camiño.
A independencia e a modernidade de Xela Ariás son protagonistas dos títulos editados este ano. (Foto: RAG)
photo_camera A independencia e a modernidade de Xela Ariás son protagonistas dos títulos editados este ano. (Foto: RAG)

Todas as personalidades son complexas e contraditorias, mais algunhas acceden a ese lugar ao que mira toda unha sociedade para atopar respostas ás incógnitas sobre a identidade colectiva, sobre o sentimento de pertenza que une as comunidades. Sen dúbida, a de Xela Arias é un deses faros nos que nos miramos de cando en vez para recoñecer algo da nosa historia, dos nosos propios interrogantes.

Os libros que indagan nas figuras homenaxeadas no Día das Letras galegas serven un pouco para iso, para crearmos referentes e comprendelos mellor -e quizais para comprendernos mellor tamén a nós mesmos.

A obra e a biografía 

Con certeza, a mellor maneira de comezar a coñecer a Xela Arias é internarse na súa obra poética, sen intermediarios. Arias publicou catro poemarios ao longo da súa vida: Denuncia do equilibrio, Tigres coma cabalos, Darío a diario e Intempériome. Todos eles foron reeditados este ano por Xerais, agás Tigres coma cabalos, que conta cunha nova edición de Engaiolarte, que reproduce con esmero as fotografías de Xulio Gil que o volume incorporaba. 

Mais a figura de Xela Arias esperta curiosidade tamén pola súa independencia, por un percorrido vital que se empeñou en manterse á marxe de escolas e tendencias e sintonizar con correntes estéticas que procedían da cultura urbana, do rock and roll, dun certo espírito punk que reinaba nos cenáculos contraculturais da cidade de Vigo. E existen varias opcións para seguir por ese camiño.

Intempestiva. Unha biografía (literaria) de Xela Arias (Galaxia) é unha biografía na que Montse Pena encara a figura de Arias afastándose da escrita académica e aproximándose á narrativa. Cun enfoque conciso, terso e claro, Pena fai fincapé na modernidade da obra da poeta (“Máis rock and roll e menos poesía”) e na heterodoxia que marcou a súa traxectoria vital e literaria, axudando a comprender as reticencias que puideron existir para incorporar a súa poesía ao canon contemporáneo.  

Yolanda Castaño asina outra biografía, Xela quixo ser ela (Xerais), máis encamiñada a un público xuvenil. Non hai nada tan edificante como ensinar que debemos tratar de atopar un camiño propio, de cultivar unha personalidade inconfundíbel: se cadra, a educación é exactamente iso. O libro de Castaño explica que foi na a infancia e na mocidade de Xela Arias cando se fortificaron os valores que marcarían unha personalidade independente e allea a prexuízos e que darían como resultado unha obra orixinal e transformadora. A lección é clara e exemplar. 

Para quen busque unha biografía máis ortodoxa, pero non menos ilustrativa, Xela Arias. Os territorios da liberdade (Xerais), de María Xesús Nogueira propón un retrato en que vida e obra se complementan para debuxar o mapa dunha modernidade aínda non demasiado consciente de si mesma.

Xelarias. Palabra á intemperie (Baía), de Emma Pedreira e Laura Romero, segue o ronsel de independencia e innovación da propia Xela Arias, para crear o que talvez sexa o libro máis orixinal dos editados co gallo desta conmemoración. Iniciando un diálogo a tres voces no que as palabras de Pedreira e os debuxos de Romero se miden coa voz da poeta, créase un singular e insólito libro obxecto no que se conversa cos seus escritos, coas pegadas que os versos foron deixando como pistas dun itinerario vital irrepetíbel. 

Tamén para a cativada

Liberdade, solidariedade e amor pola lingua, publicado polo colectivo pontevedrés Polo Correo do Vento, resume no seu título os valores nos que se afianzaba a independencia de Xela Arias: un caderno que busca o público máis cativo para formular unha versión exemplarizante da independencia da autora. 

E non só para o público infantil, senón tamén para persoas curiosas e estudosas, Non te amola! (Galaxia) é a recuperación dun texto escrito aos nove anos por Xela Arias, unha crónica emocional que descobre o nacemento dunha sensibilidade e dunha mirada propia que significaría o comezo de todo o que se celebra este ano.

A obra completa e o contexto social e intelectual no que se desenvolveu

Para quen o queira todo dunha vez, Poesía reunida (1982-2004), editado por María Xesús Nogueira para Xerais, recolle os catro libros da autora e engade poesía dispersa publicada en diversos volumes colectivos e revistas. O limiar proporciona moitas das chaves que se precisan para comprender mellor o lugar que ocupa a súa voz no corpus poético do seu tempo. María Xesús Nogueira é tamén editora de De certo, a vida ía en serio (Chan da pólvora), un completo achegamento á obra da poeta na que unha escolma de poemas vén acompañada de fragmentos de entrevistas, conferencias, autopoéticas... que permiten unha mirada poliédrica sobre a vida e a obra desde unha perspectiva globalizadora que ten en conta biografía e escrita, para reconstruír unha visión complexa e completa da homenaxeada neste Día das Letras.

Comentarios