Terceira longa do director da aclamada 'Arraianos'

A indagación sobre a memoria histórica de Eloy Enciso competirá en Locarno

Para percorrer os tortuosos camiños da memoria histórica en Galiza, Eloy Enciso viaxou aos límites da luz. Longa noite, a súa terceira longametraxe, explora a guerra e as súas consecuencias, o trauma e os alicerces da ditadura. Construído a partir da escrita de ficción e non ficción, con actores non profesionais, e unha “radical aposta estética”. o filme competirá polo Leopardo de Ouro no prestixioso Festival de Locarno (Suíza).
fotograma de Longa noite 2
photo_camera Fotograma de 'Longa noite', o novo filme de Eloy Enciso. Imaxe: cedida.

“Anos despois de rematada a Guerra Civil, Anxo regresa á súa vila no interior de Galiza”, describe a sinopse oficial da obra, “a través das conversas que mantén durante a viaxe, descobre como a guerra e o novo réxime transformaron as relacións entre as persoas”. Esa é a anécdota narrativa sobre a que Enciso constrúe Longa noite, que, nas súas palabras, investiga “os mecanismos de poder ocultos nas sociedades totalitarias”.

“É un filme necesario. Sinto orgullo ao velo”, explica a Sermos Galiza a produtora Beli Martínez, “porque se trata de cinema político, dese que se bota en falta”. Ao ver Martínez, responsábel de Fílmica Galaika, no traballo de Eloy Enciso (Meira, 1975) a guerra non é apenas contexto “como sucede na maior parte do cinema”, senón o propio obxecto de indagación.fotograma de Longa noite 3

“Resulta oportuno facer este exercicio hoxe. Falar de presos políticos, por exemplo”, sinala. Con todo, ese “hoxe” é relativo, porque o proxecto Longa noite comezou hai seis. Hai catro acelerouse coa concesión dunha bolsa en Harvard. Mais unha proposta deste rigor non o tivo doado. “Foi moi difícil financiala”, relata a produtora, “malia ser dese tipo de películas galegas que nos levan polo mundo adiante”. Pasou co anterior traballo do cineasta, Arraianos (2012), estreado tamén en Locarno e mellor filme no Bafici de Bos Aires.

Longa noite conta co apoio das deputacións da Coruña e Pontevedra, do Concello de Pontevedra e mais de Agadic. Non conseguiu respaldo, porén, da de Lugo, aínda que alí decorreu parte da rodaxe. E na TVG consideran que será “moi difícil de programar”. O chamado Novo Cinema Galego, celebrado nos máis potentes festivais do mundo, segue a topar certas resistencias no propio país.

Literatura e non
O artista plástico Misha Bies Golas protagoniza a longametraxe. Nuria Lestegás, Celsa Arújo, Verónica Quintela, Manuel Pumares ou Suso Mellán son algúns dos intérpretes. Na arquitectura do filme, cuxa dirección de fotografía corresponde a Mauro Herce, a literatura ocupa un lugar principal. Textos de Luís Seoane, Alfonso Sastre, Max Aub, Ramón de Valenzuela, Fogwill ou Jenaro Marinas del Valhe, e cartas de presos políticos do franquismo alicerzan Longa noite.

O elaboradísimo traballar na luz do cineasta portugués Pedro Costa, a solemnidade construtivista da parella francesa Jean-Marie Straub e Danièle Huillet, ou as fantasías con política e historia ao fondo do tailandés Apichatpong Weerasethakul conforman parte da caixa de ferramentas á que recorreu Enciso. E coa que armou unha peza que se enfrontará ao público por primeira vez o 14 de agosto dentro da Sección Internacional da 72ª edición do Festival de Locarno.

Nota: fotograma de Longa noite, de Eloy Enciso.

Comentarios