Incendiaria e a Quinta do Cuadrante levan ao Principal a estrea de 'A lúa vai encuberta'

O espectáculo gañou o II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais
Presentación da obra 'A lúa vai encuberta', esta cuarta feira. (Foto: Lucía R. Regueiro) #manuelmaría #teatro #alúavaiencuberta
photo_camera Presentación da obra 'A lúa vai encuberta', esta cuarta feira. (Foto: Lucía R. Regueiro)

O Teatro Principal de Ourense acollerá esta sexta feira, 10 de setembro, a estrea da montaxe teatral que resultou gañadora no II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais.

Detrás de A lúa vai encuberta das compañías A Quinta do Cuadrante e Incendiaria está a dirección de Tito Asorey, que se ocupou de ir tecendo a representación documental da obra homónima de Manuel María. 

A lúa vai encuberta é unha proposta teatral multidisciplinar a partir da que a equipa dialoga desde a nosa actualidade máis recente coa historia contemporánea da Galiza”, contan as galardoadas do premio, as dúas empresas colaboradoras para sacar adiante esta mestura de teatro popular -a farsa e o musical estarán sobre as táboas- con formatos máis actuais como o audiovisual e o teatro documento. 

O proxecto sobre este texto de Manuel María que nunca antes chegara ás salas de forma profesional “propón unha posta en escena dinámica e emocionante, que ten como motor a recuperación e a reactivación da memoria para tomar conciencia crítica da realidade”. 

A creación vencedora do certame parte da visión do autor literario para “cuestionar o relato adquirido” e comprobar aqueles prexuízos e tabús que continúan presentes na sociedade actual. 

Aliás Asorey, forman parte da produción colectiva, a dramaturga Vanesa Sotelo e o músico Davide González, que tamén se someterán ao xuízo do público nun escenario que compartirán con Melania Cruz. O equipo que dará a coñecer o seu traballo esta sexta feira nunha función patrocinada pola Deputación, complétase coa iluminadora Laura Iturralde e o escenógrafo Carlos Alonso. 

Unha colaboración que xirará por todo o país

Respecto do impulso á iniciativa, as compañías lembran que están apoiadas pola Casa-Museo Manuel María, o Centro Dramático Galego e a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

Se ben o primeiro contacto coa xente será no Principal de Ourense ás 21 horas e o sábado e o domingo haberá novos pases ás 21 e 20 horas respectivamente, está previsto que a obra xire por todo o país. Para iso contará coa colaboración das deputacións da Coruña e Lugo.

Xa está confirmada a parada en 25 concellos entre os que se atopan Verín (25 de setembro);  Vilalba (2 de outubro); Pontevedra (14 de outubro), San Sadurniño (24 de outubro; Compostela (29,30 2 31 de outubro); e Barbadás (6 de novembro), entre outros.

Comentarios