A incautación de patrimonio tras o golpe de estado franquista

O catedrático e profesor emérito de Arte e Comunicación da Universidad Complutense de Madrid pronunciará o xoves 1 de xuño, ás 19 horas, a conferencia ‘Patrimonio en tempos de guerra e posguerra. Incautacións e diáspora’.
Arturo Colorado.
photo_camera Arturo Colorado.

O Museo de Pontevedra organiza o próximo 1 de xuño a conferencia do catedrático e profesor emérito de Arte e Comunicación da Universidad Complutense de Madrid, Arturo Colorado Castellary, ‘Patrimonio en tempos de guerra e posguerra. Incautacións e diáspora’.

Na súa intervención en Pontevedra analizará dous períodos claramente diferenciados: a política republicana de incautación de obras de arte e as accións realizadas polo franquismo cos milleiros de obras salvadas pola República. Colorado analizará a creación polo Goberno da República da Junta del Tesoro Artístico, que incautou, recolleu e almacenou miles de obras. Ante a gravidade dos bombardeos franquistas e dos seus aliados, as máis importantes destas obras foron evacuadas a Valencia, despois a Barcelona e o norte de Cataluña, para finalmente, e grazas á intervención internacional, chegar ata Xenebra. 

 

A segunda parte da conferencia ten como obxectivo responder á cuestión: que fixo o franquismo na inmediata posguerra cos miles de obras salvadas pola República, tanto as que permaneceron en España como as que volveron do estranxeiro? Moitas das 17.000 pezas das que se puido facer o seu seguimento foron devoltas aos seus propietarios, aínda que unha gran cantidade foron desviadas cara a outros destinatarios, que en moitos casos as recoñecían como súas.

Colorado analizará as entregas en depósito de miles destas pezas a museos, a organismos públicos, á Igrexa e mesmo a particulares, o que produciu o espolio, a diáspora e a desaparición de numerosas obras. Un caso específico é o das confiscacións das coleccións dos exiliados republicanos, que foron sinxelamente entregadas a outros destinatarios.

O conferenciante establecerá paralelismos entre este espolio franquista e o realizado polos nazis nos mesmos anos. Como no caso das obras roubadas polos nazis, Colorado considera que a cuestión actual é a necesidade de abordar a investigación e a posible restitución destas obras aos herdeiros dos propietarios confiscados.

Comentarios