Inaugurada en París a mostra que recolle a "etapa de madurez" de Laxeiro

Esta nova exposición, que xa se puido ver en Lalín, Madrid e Santiago de Compostela, poderá visitarse até o 12 de marzo no Instituto Cervantes da capital francesa.
A exposición poderá visitarse até o 12 de marzo no Instituto Cervantes de París. (Foto: Xunta)
photo_camera A exposición poderá visitarse até o 12 de marzo no Instituto Cervantes de París. (Foto: Xunta)

A Xunta da Galiza e mais o Instituto Cervantes, coa colaboración da Embaixada do Estado español en Francia, inauguraron esta sexta feira en París a exposición Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1950-1970), que rende homenaxe a un dos pintores galegos máis relevantes do século pasado e figura destacada da vangarda pictórica do momento a nivel estatal.

A mostra, que poderá visitarse até o 12 de marzo no Instituto Cervantes de París, "recolle a evolución de Laxeiro durante os 20 anos nos que se instalou en Bos Aires, considerada a súa etapa de madurez, na que realizou algunhas das súa sobras máis destacadas achegándose ao expresionismo abstracto", salientaron desde a organización. Está comisariada polo historiador da arte, ensaísta e colaborador de Sermos Galiza Carlos L. Bernárdez.

Esta nova exposición, que xa se puido ver en Lalín, Madrid e Santiago de Compostela e que conmemora o Día das Artes Galegas dedicado ao artista, presenta algunhas novidades a respecto das que lle precederon, pois expón tamén unha serie de cinco gravados de Laxeiro que foron editados en París en 1954. Un gravado pertencente a unha carpeta editada en Bos Aires é outra das novas pezas.

Ao acto de inauguración na capital francesa asistiron, alén do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o embaixador español en Francia, Victorio Redondo Baldrich, e os representantes do Estado na Unesco, José Manuel Rodríguez, e a OCDE, Manuel María Escudero.

Tamén asistiron, entre outros, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo.

O conselleiro Román Rodríguez puxo en valor "a gran relevancia internacional e o carácter universal do que goza o artista e o interese que a súa obra ten fóra do noso país".

Comentarios