Inaugurada a nova biblioteca de Carballo como “almeiro” da vila

A nova instalación cultural será un espazo de vida e para o encontro interxeracional, dende bebés até maiores.

 

"Hoxe sinto que gañei o día". Así concluía Manolo Rivas a súa intervención na inauguración da nova biblioteca pública de Carballo, feliz por ser brindeiro dun espazo concibido para o encontro de persoas de diferentes xeracións, dende bebés e adolescentes até xente maior, de formatos diversos (dende libros, até música ou vídeo) e para funcionalidades tamén varias: dende ler un libro até xogar, asistir a unha actuación ou ir a unha conferencia. Un auténtico almeiro, nas súas verbas, en referencia a aquel lugar dos fondos oceánicos que as xentes de mar recoñecen por ser espazo de vida, de cría e de fertilidade.

Foi un momento especial nunha xornada xa de por si tamén especial, o Día Internacional das Bibliotecas. Nela estiveron presentes persoeiros diversos da vida política, cultural e económica da comarca e tamén do país, dende o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, que definiu as bibliotecas como antigos casais gardiáns da memoria e das grandes verdades universais, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, até o alcalde da vila, Evencio Ferrero, e diversos representantes do goberno local, da corporación e dos grupos municipais.

A cidadanía como protagonista

Mais a verdadeira protagonista foi a cidadanía carballesa, que encheu as instalacións do edificio, e á que se lle dedica a placa conmemorativa. Nela faise constar que son as xentes que habitan Carballo as que o inauguraron este 24 de outubro de 2014. Na tardiña desta segunda feira, os bebés enchían a bebeteca; @s nen@s remexían entre os libros e @s maiores parolaban e curioseaban entre os andeis e os recunchos do novo edificio.

Na propia inauguración, unha moza veciña do barrio do que a nova biblioteca fai parte, Eva Cameán, animaba a vecindario a aproveitar as instalacións e facía memoria desta antiga braña, preto do centro da vila pero á súa vez á marxe da vila, na que antano xogaban e se aventuraban @s nenos nos seus xogos infantís, e aprendían dos seus maiores.

A do Rego da Balsa será máis mediateca que biblioteca, máis espazo de encontro onde se poida interaccionar cos libros e cos diversos soportes da cultura, que eses vellos templos do saber ao que acudir en actitude de recollemento.

A biblioteca, que está xa integrada na Rede Galega de Bibliotecas, conta cun fondo de 5.000 libros

As novas instalacións foron financiadas con fondos do Ministerio de Cultura grazas ás xestións do nacionalista Francisco Jorquera, tamén presente no acto de inauguración, nos anos en que foi deputado no Congreso do Estado. É mostra da aposta por políticas culturais como dinamización da vila en tempos de crise que está a facer o executivo local.

A biblioteca, que está xa integrada na Rede Galega de Bibliotecas, conta cun fondo de 5.000 libros, ademais de prensa diaria, revistas, e material audiovisual e musical e dará acceso a tablets e dispositivos portátiles para poder gozar deles no propio edificio. Dispón, ademais, dun auditorio con capacidade para unhas 80 persoas. O edificio, do arquitecto Óscar Pedrós, simboliza na súa luminosidade, conseguida con amplas cristaleiras e un patio interior no que medra a árbore que dá nome a vila, un Carballo, a súa concepción como espazo aberto ao encontro e ao futuro.

Comentarios