Manuel María conta xa cunha escultura en Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos realizou este sábado unha homenaxe ao escritor chairego no que se inaugurou unha escultura diante da Casa de Cultura de Vilalba. Desde esta entidade seguen reivindicando que a Casa da Cultura leve tamén o nome do escritor.

A escultura de Manuel María o día da súa inauguración( (Casa-Museo Manuel María).
photo_camera A escultura de Manuel María o día da súa inauguración( (Casa-Museo Manuel María).

Un emotivo acto de homenaxe ao escritor chairego Manuel María serviu este pasado sábado en Vilalba para inaugurar de maneira oficial a escultura que sobre a súa figura realizou o canteiro José Gómez de Bernardo. A obra, doazón do Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), quedou instalada ás portas da Casa de Cultura da vila á espera de que se atenda a reivindicación de poñerlle o nome do escritor a este equipamento.

No acto participaron a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro,; o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede; o historiador Felipe Senén; o escultor, José Gómez de Bernardo; e a viúva do poeta, Saleta Goi.

Marisa Barreiro, en declaracións a Nós Diario, afirma que “a petición de poñerlle o nome de Manuel María á Casa de Cultura segue en pé, non ten nada que ver coa doazón que fixemos da escultura”.

Barreiro conta que a reivindicación de poñerlle o nome do escritor á Casa de Cultura “naceu no 2004 e malia que se tentou en varias ocasións e non foi posíbel segue a ser unha proposta que seguiremos solicitando”.

A presidenta do Iescha lembrou que “semella que causa malestar o pensamento de Manuel María en relación á súa concepción do país e da súa defensa da lingua galega”.

Para Barreiro “non hai outra explicación do que está acontecendo cando era unha persoa que durante toda a súa vida tivo amizades de todo tipo na vila e sempre estivo para colaborar en todas as actividades que se lle achegaban” ademais de “centrar toda a súa actividade aquí, mesmo cando desprazou a Real Academia Galega até Vilaba cando entrou nesa institución”.

Por todo isto, desde o Iesche entenden que “hai unha débeda de Vilaba con Manuel María e non é xusto que aquí se lle negue cando noutros lugares non tivo problemas para que se lle puxera o seu nome a rúas ou instalacións”.

Comentarios