Implícate, dez anos de cultura solidaria

Implícate, o festival organizado pola ONG Implicadas no desenvolvemento, chega este domingo 11 de xaneiro a súa décima edición. Unha ocasión especial cun poderoso cartel para conmemorar unha década de noites de música e palabras solidarias. 

implli
photo_camera implli

A poeta Yolanda Castaño e a actriz Isabel Blanco presentan no Teatro Principal de Santiago o domingo 11 de xaneiro ás 20.30 horas a décima edición do Implícate, o festival que cada ano convoca a relevantes figuras de todos os ámbitos da cultura para se comprometer con distintos proxectos desenvolvidos pola ONG Implicadas no Desenvolvemento. Desta volta, o cartel inclúe a Mercedes Peón, Uxía e Abe Rábade no apartado musical e Nova Galega de Danza ademais de Celso Parada e Isabel Risco en artes escénicas. A literatura estará presente nas voces de Antón Reixa, María Lado e Lucía Aldao, Fran Alonso e Marilar Aleixandre. 

"O cartel inclúe a Mercedes Peón, Uxía e Abe Rábade, Nova Galega de Danza, Celso Parada e Isabel Risco. A literatura estará presente nas voces de Antón Reixa, María Lado e Lucía Aldao, Fran Alonso e Marilar Aleixandre". 

“O Implícate diferénciase doutros festivais deste tipo porque o seu obxectivo é principalmente visibilizar o traballo de Implicadas e a creación dunha rede crítica e cómplice que arrastre tanto ao público como as e os artistas. O Implícate traduce dunha forma clara o latexo que move a Implicadas e no que temos que empezar coa crítica do próximo e integrar nela tamén ás outras. A cultura é un espazo especialmente vizoso polo que comezar, dando visibilidade á nosa lingua e ás persoas que se moven por facer reflexionar dende lugares diversos e todos eles sumamente interesantes”, explica a escritora María Reimóndez, ex-presidenta e fundadora da ONG e promotora do festival desde os seus inicios hai dez anos. 

Redes profundas que se tecen

Como balance do tempo percorrido, Reimóndez destaca a visibilidade conseguida para Implicadas a través do festival ademais dos 30.000 euros recadados para apoiar distintos proxectos de cooperación no sur ademais de estar na orixe doutras iniciativas como os libros Vanakkam/Benvidas ou As que rubimos montañas, obras colectivas de poetas galegas, támiles e etíopes que se suman a outras moitas iniciativas como un encontro que xuntou a través da danza artistas de Galiza e Etiopía. “Esas redes que tecemos vemos que son cada día máis profundas e que a participación das artistas non é algo meramente accesorio ou anecdótico. Algunhas probas disto que como activistas nos conmoven profundamente son o tema que Mercedes Peón nos dedicou hai xa anos, Derorán, ou recentemente a honra de que Eva Veiga nos dedicase A distancia do tambor”, engade Reimondez ao tempo que aproveita a ocasión para convidar a sumar novas socias e voluntarias a Implicadas. Desta volta, o recadado no Implícate irá para un proxecto contra o infanticidio en Salem e outro de empoderamento de mulleres en Támil Nadu. 

Comentarios