xoves 02.04.2020

Imma António, dramaturga: "Nós xa eramos feministas sen sabelo"

Escribir desde a igualdade de xénero por pura reacción ante unha realidade desigual. Explorar novas formas, nunha procura constante. Mesturar linguaxes. Son, na opinión de Imma António, algúns aspectos do teatro galego dos 80 ou 90 que non acaban de chegar ao noso panorama cultural, por moito que haxa quen o descoñeza. António será a homenaxeada no próximo Día das Galegas nas Letras polo seu traballo como dramaturga ou actriz, entre outros oficios teatrais. Repasamos a súa traxectoria.
Inma Antonio (Teatro do Noroeste)
Inma Antonio (Teatro do Noroeste)

 Oteatro porfía en saber que hai nas e n t r a ñ a s da nosa humanidade", dicía ao ler o seu Manifesto do Día do Teatro nos Premios María Casares. Por que? Nese manifesto falaba da pregunta que lanza o teatro sobre quen hai aí?, sobre a busca da comunicación, sobre esa procura que o teatro propón arredor das grandes preguntas da humanidade. Non deixamos de preguntarnos quen somos individual e socialmente. E neste confinamento que estamos vivindo agora aínda se fai máis evidente que precisamos desa comunicación porque somos animais sociais. Unha vez a min caeume unha bágoa enriba dunha muller que estaba en primeira fila e ela quedou encantada… Pois este tipo de comunicación tan, digamos, escatolóxica, é moi poderosa.

Que pensou cando soubo que ía ser a homenaxeada polo Día das Galegas nas Letras?

Pois quedei abraiada. E sentín un fondo agradecemento. Considero moi importante o que fai A Sega para dar visibilidade ao traballo das mulleres, e ademais sentín que estaban recoñecéndome non só a min, senón ao teatro deste país. Porque a literatura dramática, dentro das letras, é considerada un pouco como o restroballo… Agora hai, ademais, dramaturgas moi interesantes. Non é como cando comecei eu, que era case a única…

Se cadra este andazo social no que estamos pode servirnos para tentar construír algo máis sólido. 

Iso foi nos 80, cando se publicaban obras súas nos Cadernos da Escola Dramática Galega. A crítica encadrouna na xeración dos 80, que identificou cunha vocación culturalista e un ronsel lírico e simbólico e, dentro diso, cunha tendencia a ocuparse da identidade e da cuestión de xénero no seu caso. Está de acordo?

A verdade é que non. Primeiro, que nesa "xeración" eramos moi diversos e eu era moi nova. O que pasa tamén é que non é o mesmo o que se escribe que o que se publica. Algúns textos meus desa época si poden ser líricos. Pero sempre me chocou que me identificasen cun interese pola "temática feminina" porque, por que o dicían? Porque eu escribía personaxes femininas. Entón, o problema non é que eu teña ese nesgo: é que outros non o teñen, é dicir, que as personaxes femininas son moito máis escasas. Eu era nova, rebelde, e escribía de forma intuitiva. Quero dicir, era feminista sen sabelo. Escribía desde a igualdade, desde o reflexo da sociedade que eu quería, porque o teatro tamén transforma a sociedade.

A directora da Escola de Narón, Flor Maceiras, fala diso e lembra experiencias coma a de Malbarate… Teatro feminista que xa existía antes.

Si, o que pasa é que se cadra non tiñamos un discurso moi elaborado. Era unha reacción máis visceral, diante da maneira en que eramos tratadas na vida e na profesión, por iso dicía que eramos feministas sen sabelo. Malbarate, precisamente, montaron unha compañía para poder escoller textos que lles interesasen e personaxes que as enchesen. 

Máis recentemente publicou vostede Os cárceres do esquenzo, que ten algo apocalíptico, sobre violencia e sobre unha praga… Parece que fala de hoxe.

Eu empecei a facer teatro na escola, aos 9 anos. Despois, no instituto, non parei até que se formou un grupo de teatro en galego…

Os cárceres do esquenzo e Aforro ordinario foron os únicos textos que escribín porque mos encargaron, e as encargas son algo que quizais debería ser máis habitual no noso país… Aforro ordinario foi para a Escola de Narón e Os cárceres do esquenzo para a compañía Librescena. Na segunda o que quixen foi dar voz a quen non ten: as vítimas da fame, das guerras… Os atentados de Madrid estaban moi recentes e a resposta do público foi impactante. En Portugal, parte do público ergueuse para rezar…

Como actriz fixo Forzas eléctricas en 1986. Foi das primeiras…

Eu empecei a facer teatro na escola, aos 9 anos. Despois, no instituto, non parei até que se formou un grupo de teatro en galego… Logo estiven na Escola Dramática Galega e máis tarde coa compañía Luís Seoane, que foi a primeira na que traballei cobrando. Eu estaba moi pendente do que se facía en teatro e ademais traballar con profesionais que para min eran case como seres mitolóxicos, coma Luma Gómez, Miguel Pernas ou Rosa Álvarez, por exemplo, era abraiante. E a verdade é que penso que nas xeracións de agora hai descoñecemento do que se fixo neste país en teatro. Non hai esa curiosidade. O meu primeiro director foi Manuel Lourenzo e eu ben sabía o que el representaba na historia do teatro galego...

Quizais, simplificando un pouco, mudaron as linguaxes e o teatro que se fixo sempre está desconectado do que se fai agora e ao revés. Podería ser mutuo.

Penso que non. Eu alégrome sempre de que haxa xente que se incorpore ao oficio teatral. E si fago por ver o que se está facendo agora e o mesmo fan outros compañeiros cos que falo. O descoñecemento é só nunha dirección. Se a xente máis nova fose ver máis o que nós facemos, tamén se decataría de que non estamos instalados en nada: estamos nunha pescuda constante. Ademais, iso das novas linguaxes... Nós faciamos textos máis crípticos e máis simbólicos que tamén eran "pos-drama". Ninguén está a descubrir a pólvora: nós tampouco. 

Non sei se o nacemento da Academia Galega do Teatro, que vostede preside, ten que ver con iso, ademais de cun intento de crear algo máis institucional… Digo porque as reivindicacións non son novas nin distintas ás da Escena Galega ou da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

Queriamos crear algo non tanto institucional, senón que servise de casa común, de espazo de debate, que nos axudase a superar este minifundismo que temos no país, tamén na cultura. A Academia naceu con vocación de servizo: a min o único que me reporta é traballo. Si que botabamos en falta algo que fose máis alá das reivindicacións máis sindicais e que impulsase a posta en valor do noso patrimonio teatral. E de aí naceu o Congreso do Teatro, que tivemos que adiar, para debater de políticas teatrais pero tamén, desde unha perspectiva máis ampla, do aspecto creativo: do teatro que facemos, de para quen… É un espazo de traballo para todo o sector, non para uns poucos. E iso crea receos, curiosamente…

Volvendo ao seu traballo como actriz, nos 90 fixo Tagen Ata con Teatro do Noroeste e Un soño de verán co Centro Dramático Galego (CDG). A segunda foi un dos grandes éxitos do CDG

Retorno a Tagen Ata é un texto de referencia na nosa cultura. E nel xa tiñamos partes filmadas, é dicir, que xa se leva explorando moito tempo a mestura de linguaxes… A min aquel papel viñérame despois de que outras actrices dixesen que non porque había partes nas que había que saír sen roupa. A min non me importaba saír espida. Mais houbo reaccións de certos sectores "culturetas" que pensan coa pirola porque, claro, se te ispes suponse que tes que ter certa catadura moral... Ás veces, os "progres" son os máis reaccionarios. Un soño de verán fora… rock and roll. Enchemos teatros. Eramos unha tropa impresionante, de 30 e pico persoas. O tipo de montaxes que ten que facer o CDG.

Eran outros tempos, con máis diñeiro mais, que pasou para que o CDG deixase de encher así?

Os espectadores sabían que se ían ver unha obra do CDG ía ser un grande espectáculo. Hoxe, o CDG fai montaxes que podería facer calquera compañía. Recortouse moito o orzamento e ademais o CDG perdeu autonomía. Eu vin montaxes do CDG que rozaban o "cutre" e non sei se o teatro de todos e de todas pode permitirse ese luxo. O teatro institucional galego está sendo desmantelado. O novo director, Fran Núñez, ten boas ideas, pero se non temos un cambio de estrutura vai quedar todo no posibilismo.

Tamén fixo dobraxe, adaptacións, vídeo, escenografía…

Traballamos moi en precario e temos que facer de todo, buscar a vida: tamén por iso fixen de todo. Eu non teño nin casa propia: vivo de aluguer. Agora cancélanse as funcións que tiñamos e non sabemos como pagaremos o aluguer o mes próximo. E eu aínda así son unha privilexiada, que estaba en tres espectáculos. Se cadra este andazo social no que estamos pode servirnos para tentar construír algo máis sólido. Eu considero que o que fago é un servizo público. En Alemaña acaban de declarar a cultura ben de primeira necesidade...Temos que dotarnos de alicerces máis potentes para non abanear así cando veñen problemas

comentarios