sábado 08/08/20
Eroski Paraíso

As imaxes non filmadas de Chévere

En Eroski Paraíso, a obra, Chévere acompañaba a Alex na rodaxe dun filme sobre os seus pais, no que a cámara estaba ausente. Tres anos despois, chegan ás pantallas o documental que a cineasta faría. Así semella presentarse Eroski Paraíso, o filme, adaptación dunha das pezas teatrais máis celebradas dos últimos anos.
Preestrea de Eroski Paraíso no Auditorio da Galiza  (Cineuropa)
Preestrea de Eroski Paraíso no Auditorio da Galiza (Cineuropa)

Comezou a facerse habitual escoitar, á saída das obras de Chévere, que de seguir así rematariamos por mirar só a pantalla. O momento, en certo modo, chegou. A adaptación cinematográfica de Eroski Paraíso, que  está a piques de chegar aos cinemas, preestreouse o pasado domingo 24 de novembro no Auditorio da Galiza, dentro do Cineuropa.

Jorge Coira e Jesús Ron asinan unha adaptación cinematográfica que mantén a profunda radiografía social que caracteriza o teatro de Chévere, nunha metáfora da sociedade dos últimos anos que, como insinúa Alex no filme, foxe de ser «pedante» para provocar a reflexión ao máis puro estilo Chévere —como poderiamos batizalo xa. A adaptación trasládanos, deste xeito, as imaxes que na obra intuímos para a cámara invisíbel da cineasta que a protagoniza, Alex, que pretende filmar un documental sobre seus pais, na discoteca onde se coñeceron, o Paraíso, hoxe reconvertido nun Eroski.

Se traducir o traballo doutra persoa é sempre complexo, máis aínda cando gozou do éxito de público e crítica. Con todo, Jorge Coira resolve o desafío de trasladar ao cinema un filme que xa nun inicio fóra pensado como curtametraxe, e que completa deste xeito unha viaxe de ida e volta ao audiovisual, medio que atravesa cunha fonda pegada boa parte dos textos de Xesús Ron. «A obra xa tiña moito de cinema», comenta o actor Miguel de Lira no coloquio posterior á proxección en Compostela. Así, tamén era coherente que a adaptación «teña algo de teatral», completa Patricia de Lorenzo, co que a actriz e xestora de Chévere admite sentirse moi contenta.

No entanto, Coira non renuncia ao uso de «estratexias propias do audiovisual», di. Localizacións exteriores, o uso de pantallas múltiples, con reminiscencias doutros traballos da compañía, como a recente Curva España ou as animacións, son algúns exemplos, mais respectando o estilo do teatro documental que, levado ao cinema, desemboca nunha peza de falso documental camuflado de metaficción, no que a naturalidade das intérpretes, alén do tema do desarraigo, fai xirar o espectáculo —esta vez cinematográfico— sobre o eixo que dá título a un dos seus capítulos: «Representar non é reconstruír».

«A obra tivo o seu percorrido. Pero o filme», di Lira, «é eterno». «Por iso o fixemos», brinca. 

comentarios