O fotógrafo Carlos Valcárcel faleceu esta fin de semana aos 92 anos

As imaxes dunha Galiza que esmorece

O pasado domingo 28 de novembro falecía no seu Lugo natal o fotógrafo Carlos Valcárcel aos 92 anos de idade. Un afeccionado a quen o tempo lle outorgou o título de mestre e que, ademais, logrou documentar coas súas imaxes a difícil vida cotiá dunha Galiza xa desaparecida, mais aínda presente na memoria colectiva. 
'As viúvas do mar' (1969), de Carlos Valcárcel, a foto da que, segundo dicía, estaba máis orgulloso.
photo_camera 'As viúvas do mar' (1969), de Carlos Valcárcel, a foto da que, segundo dicía, estaba máis orgulloso. (Foto: Editorial Canela)

Se cadra, a celebridade chegoulle por ser o autor de fotografías que retratan paisaxes e figuras desaparecidas, imaxes que dan fe dunha forma de vida que xa resulta moi difícil de atopar na Galiza actual: zoqueiros, viúvas do mar, parellas moceando na feira de Monterroso, labores do campo que agora realizan as máquinas... Mais alén de reflectir nelas un mundo en boa parte perdido, Carlos Valcárcel debe ser recoñecido como un auténtico mestre da fotografía, un artista que experimento toda a súa vida co medio co que traballaba, logrando instantáneas que se atopan entre o mellor do xénero no noso país. 

“Carlos era un fotógrafo sen interese etnográfico: era a vontade artística a que o levaba a saír todas as fins de semana a cazar imaxes cun grupo de amigos. Era un afeccionado, mais resultou ser un auténtico xenio da fotografía”, explica Pablo Quintana, da Editorial Canela, coa que Valcárcel traballou en dous libros: Carlos Valcárcel. Fotografía etnográfica 1960-1980 e Terra e alma, un estudo sobre o xénero do alalá, de Moisés Quintas Suárez, ilustrado cunha escolma de imaxes de Valcárcel tomadas nas décadas de 1960 e 1970. 

“A proba de que o seu ánimo non era o do documentalista é que nunca anotaba onde sacaba as fotos. Cando editamos Fotografía etnográfica 1960-1980  só se acordaba dos sitios onde sacara algunhas; outras, tivemos que buscar nós documentación que as localizase; e outras quedaron sen acreditar exactamente”, aclara Quintana. “Despois de editado o libro, chamou xente que recoñecía un lugar concreto ou unha persoa nunha foto determinada para axudarnos a recoñecer o contexto da imaxe". 

Deixa atrás un arquivo con milleiros de negativos que foi acumulando desde mediados da década de 1950, cando se afeccionou a fotografía e comezou a saír nesas excursións nas que rexistrou unha parte irrepetíbel da nosa historia

Un afeccionado convertido en mestre 

Valcárcel, nado en Lugo en 1929, faleceu este pasado domingo 28 de novembro aos 92 anos de idade. Deixa atrás un arquivo con milleiros de negativos que foi acumulando desde mediados da década de 1950, cando se afeccionou a fotografía e comezou a saír nesas excursións -fundamentalmente en Lugo e na súa contorna, aínda que tamén na Mariña e na Costa da Morte, onde adoitaba pasar as vacacións- nas que rexistrou unha parte irrepetíbel da nosa historia. 

Retratou paisaxes, o mundo do traballo, as festas populares, as persoas mozas e anciás, os xitanos do Carqueixo... Imaxes dunha Galiza relegada a valerse por si mesma en tempos de ditadura. Mais sempre fuxindo do tópico e buscando a empatía e a dignidade dos retratados.
“Iniciouse co branco e negro, con negativos de alta sensibilidade que son os que orixinan ese granulado tan característico da súa obra. Ten uns negros moi potentes, produto dun traballo de laboratorio moi persoal. Experimentaba moito e chegou a ser o mestre de varios fotógrafos que aínda están hoxe en activo”, comenta Quintana.

Un detalle que se coñece menos é que Valcárcel era un grande afeccionado á banda deseñada e que, a partir desa afinidade, xogaba coa composición das súas imaxes.

Valcárcel era un artesán que experimentaba continuamente para conseguir chegar a imaxe que desexaba. “Tiña o laboratorio no cuarto de baño”, lembra Pablo Quintana, “e alí probaba diferentes técnicas, diferentes produtos químicos para o revelado. Por iso os seus positivados son tan característicos e tan complicados de reproducir”. 

Un detalle que se coñece menos é que Valcárcel era un grande afeccionado á banda deseñada e que, a partir desa afinidade, xogaba coa composición das súas imaxes. "El buscaba o que busca calquera artista: composición, luz... quería facer fotografía artística. E sen querelo, converteuse nun mestre e, ademais, documentou un material importantísimo para o noso patrimonio e para a nosa cultura", afirma Quintana.  

Un patrimonio de enorme valor 

Agora mesmo hai unha exposición permanente e aberta ao público da súa obra na Escola de Maxisterio de Lugo, mais a súa proxección aínda está por comezar. “O arquivo de Carlos ten miles de fotografías: familiares, retratos de persoeiros da cultura e das artes -especialmente de Lugo-, fotografía etnográfica, paisaxes... Ese material pertence á familia e constitúe un patrimonio valiosísimo", revela Quintana. "De feito, cando editamos o libro, o principal problema foi seleccionar as fotos que ían aparecer. Hai moitísimas fotos e moitas delas son dunha calidade impresionante". 

Comentarios