Imaxe Covid, os ollos da pandemia na Galiza

Galiza é terra de fotoxornalistas. Quen mellor que nós para mostrar a nosa realidade! Coa pandemia nace Imaxe Covid, un colectivo de seis fotoxornalistas que abren a súa obra  a través das redes sociais para documentar o que está acontecendo. Nós Diario faise eco deste proxecto.
Fotografía de Brais Lorenzo
photo_camera Fotografía de Brais Lorenzo

Cando toda a poboación estaba confinada faltaron ollos para mostrar o exterior. O fotoxornalismo que traballa na Galiza fixo estes días que se coñecese o que acontecía no exterior e contouno en fotografías. Partindo da iniciativa do fotógrafo Óscar Corral, naceu Imaxe Covid, un grupo de seis profesionais que queren deixar testemuña do que está acontecendo na Galiza e situalo no mapa mundial dos territorios que sufriron a experiencia.Fotografía de Miguel Riopa

Xunto  Óscar Corral participan Brais Lorenzo, Mónica Ferreirós, Miguel Muñiz, Miguel Riopa e Agostiño Iglesias. Proceden de medios e axencias diferentes mais teñen en común o compromiso social.

Documentar

"Procuramos reunir esforzos e fotografías para documentar da maneira máis completa posíbel a pandemia a nivel galego", explica a Nós Diario Brais Lorenzo. Asegura que son conscientes de que están diante de "algo histórico, unha pandemia a nivel global que para nós, como fotoxornalistas, é apaixonante". Salienta que saben que están a traballar "na mesma problemática que hai a nivel mundial mais no noso territorio". E non é doado.

Malia non estaren en contacto directo coa morte, a presenza da dor e do medo é continúa. "Os sentimentos están aí e a xente está moi sensíbel", conta Lorenzo, "eu por sorte non tiven ningún caso coñecido mais sempre tes relación coa veciñanza e ves que a xente ten medo e sofre". Algo semellante pásalle á fotógrafa Mónica Ferreirós, que traballa para un medio local da Arousa. "A min afectoume ver o medo na xente maior, tiven a posibilidade de estar nunha asistencia a domicilio e vivín ese medo que asusta", explica a Nós Diario.Fotografía de Mónica Ferreirós

Dificultades

O proxecto Imaxe Covid pode rematar nunha publicación ou nunha exposición colectiva. O que non contará, se as autoridades galegas non o remedian, é coa imaxe gráfica do traballo que están a facer unha parte das heroínas e herois desta pandemia: o sector sanitario. Os seis membros do colectivo salientan as dificultades e atrancos que están a ter cos gabinetes de comunicación do Sergas, que lles prohiben contar o que acontece no interior dos hospitais.     

"A pesar de ser unha nación, un país teoricamente libre e democrático, que presume de liberdade nos medios de prensa, o mutismo nas Administracións públicas é algo co que topas continuamente", explica o fotógrafo Miguel Riopa. Este veterano profesional di que a situación actual ten certo paralelismo ao que viviu coa catástrofe do Prestige. "Ao inicio era todo mutismo absoluto, non había datos nin cifras e a idea que querían transmitir era que non pasaba nada", relata.  Fotografía de Miguel Muñiz

Os gabinetes de comunicación contan con persoal propio que fornece de imaxes os medios de comunicación. Riopa sinala que esas fotografías dos hospitais "non achegaran nada e cada un tivo que buscar os seus recursos". Propón unha reflexión interesante de como actúa o Goberno galego e as autoridades en xeral.

"É curioso que cando os xornais informan do que acontece no estranxeiro non pasa nada e podes mostrar mortos e enfermos, as caras da xente", explica, "cando sucede aquí, na túa terra, hai un mutismo absoluto e non podes ensinar o que está pasando", engade. Este fotógrafo foi dos poucos que conseguiu entrar nun hospital e tivo que ser nunhas instalacións privadas en Vigo.  

A non cotiandade

As eivas para mostrar o epicentro da pandemia trasladan as cámaras ás rúas e aos domicilios. "A min o que máis me motiva é o social, como a xente leva o seu día a día", relata a Nós Diario Miguel Muñiz. No seu traballo vemos imaxes emotivas, "máis positivas que negativas", asegura. Este fotógrafo captou situacións como a das persoas integrantes do circo Olimpia que quedaron atrapadas polo estado de sitio en Lalín e tiveron que sobrevivir coa axuda do concello e da veciñanza. Da súa experiencia retén a imaxe de dous veciños que "non se falaban e a forza de saír ás xanelas para animar as sanitarias agora son amigos". A homenaxe popular de cada serán deu tamén para máis dunha reflexión pola súa parte e cre que "a xente que participa é humilde, os ricos viven tras de grandes balados... o capitalismo illa as persoas".  

Comentarios