A ilustración debate máis alá do papel

O Encontro Galego de Ilustración terá a súa edición deste ano completamente online, o sábado 14 de novembro.
Ilustradora traballando.
photo_camera Ilustradora traballando. (Foto: Cedida)

A XVII edición do Encontro Galego de Ilustración será a primeira completamente virtual, que terá lugar o próximo sábado 14 de novembro. O programa está composto por catro faladoiros arredor do mundo da ilustración máis alá do papel, entre os videoxogos e os novos soportes dixitais.

Os convidados e convidadas que reflexionarán e achegarán a súa experiencia son Javi de Castro, Susy Broullón, Montse Piñeiro e Isabel Méndez.

A presentación correrá a cargo da actriz Neves Rodríguez. Todas as charlas emitiranse en directo en formato webinar e o público poderá participar mediante preguntas por escrito. O encontro é de balde, mais cómpre inscribirse previamente.

Miguel Cuba, recentemente escollido como presidente da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), que organiza este evento, sinalou que "os autores convidados para esta edición visibilizarán partes da nosa profesión menos coñecidas, en mercados crecentes e en clara expansión". 

En dixital

Así mesmo, a cita pretende combinar a liña fundamental da historia destes encontros: profundar nos distintos aspectos da profesión e buscar unha maior visibilidade do seu traballo e de todos os aspectos do sector que quedan fóra da ollada dos espectadores.

Por outra banda, existe a vontade de estrear este ano o formato virtual obrigado polas circunstancias provocadas pola pandemia.

No entanto, será sen renunciar aos cometidos de debater entre profesionais as novidades do sector e os distintos escenarios nos que se move e tamén ofrecerlle ás persoas interesadas na ilustración algunhas perspectivas sobre este emprego, tratando argumentos sobre novos soportes e plataformas para o traballo dos e das ilustradoras.

Comentarios