ILG e CCG estudarán esta semana respostar ás acusacións de presións á RAG

As directivas do Instituto da Lingua Galega e o Consello da Cultura Galega decidirán nos próximos días que resposta dar ás declaracións do secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, segundo as cais esas entidades terían presionado para a institución até agora presidida por Ferrín retirar o recurso contra o Decreto do Plurilingüísmo.
Charo Álvarez do ILG e Ramón Villares do CCG
photo_camera Charo Álvarez do ILG e Ramón Villares do CCG


O Consello Científico do ILG xuntarase esta quinta feira para decidir que posición tomar diante das acusacións do secretario da Academia. É o prazo mínimo de tempo para se xuntaren que recolle as convocatorias oficiais despois de se coñecer as declaracións de Axeitos e a demisión de Ferrín como presidente da Academia. Será entón cando decidan a posición oficial do ILG arredor do tema.

Membro do ILG e profesor da Universidade de Santiago, Xosé Luís Regueira entrou como numerario na Academia hai menos de un ano, con Xosé Luís Méndez Ferrín como Presidente. Remite á xuntanza da quinta feira que dará a coñecer a versión oficial do ILG, mais a título persoal está a vivir a situación “con tristeza. A situación evidencia que non conseguimos despegar das liortas e divisións internas cando tiñamos que estar unidos polas tarefas urxentes que existen”, comenta. “Os que nos dedicamos á lingua galega sabemos que temos un espazo moi reducido na sociedade e, malia iso, dedícase tempo a cuestións de poder e non a estratexias urxentes como facérmonos máis visíbeis socialmente” sinala Xosé Luís Regueira. Sorprendeulle especialmente o feito de Ferrín non só demitir, senón tamén abandonar a Academia, despois do respecto institucional que demostrou nestes anos á institución que mentaba como a “Academia de Murguía, de Curros e de Castelao”.

X.L. Regueira, (ILG) académico, "Non nos conseguimos despegar das liortas e divisións internas cando tiñamos que estar unidos polas tarefas urxentes"

Canto aos dardos que Axeitos dirixiu ao ILG, Regueira remite de novo á xuntanza do Comité Científico do instituto mais, no entanto, avanza que “se hai dous membros na executiva da RAG iso demostra que como institución non executou ningún tipo de presión”.

Ao presidente do Consello da Cultura Galega, o historiador Ramón Villares, a noticia da demisión de Ferrín e as acusacións de Axeitos collérono en Lisboa, cidade á que viaxou para dar unha conferencia. Villares chegará a Santiago hoxe terza feira á tarde e o CCG ten convocado para mañá cuarta feira á mañá unha xuntanza da executiva na que se tratará o tema. En todo caso, fontes do CCG remiten ao informe que o Consello entregou en sede parlamentaria no que queda á vista a súa oposición ao Decreto de Plurilingüísmo defendido polo goberno de Feijóo.

Comentarios