Baía Edicións, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocan a terceira edición do Certame Fina Casalderrey de Literatura Infantil e Xuvenil, que ten por obxectivo que a nosa lingua se “manteña aliñada con valores positivos que promovan a necesidade dunha literatura non sexista e que faga fronte ao discurso paternalista e patriarcal que aínda predomina na sociedade moderna”.
A autora Fina Casalderrey, activista cultural e membro da Real Academia Galega, que acudiu á presentación do certame na segunda feira, botou man das palabras da homenaxeada no Día das Letras 2021, Xela Arias, para explicar a importancia, a necesidade e o obxectivo desta convocatoria.
Casalderrey citou unha intervención realizada en 1991 na que Arias denunciaba o escaso peso e visibilidade das autoras a pesar de contar con obra publicada. Así, exemplificou esta realidade no feito de que Arias é a "quinta muller" en 59 edicións. "Prefiro miralo doutro xeito, que nos tres últimos anos é a segunda muller, a ver se imos avanzando", engadiu.
A académica apostou por traballar en valores nas idades máis temperás, que é "onde se forxa a persoal".
"É certo que a literatura quizais non poida cambiar o mundo, pero si pode remover conciencias".
Belén López, de Baía Edicións, detallou as bases do certame, cuxo prazo estará aberto até o 8 de marzo, e explicou que se valorará a calidade literaria e a presenza de elementos críticos e que cuestionen o modelo social sexista dominante. O premio ascenderá a 2.500 euros e a publicación da obra.
A reconquista de Antía Yáñez, Vermella, de Sabela Losada; e O País do Gran Furado, de Xerardo Quintiá, venceron en edicións anteriores.