A Igrexa protesta polas esculturas espidas do artista Ramón Conde

“Firen a sensibilidade da xente que se achega á catedral”. A Igrexa revóltase contra a exposición do artista Ramón Conde, organizada polo Concello de Compostela, e, en nota de prensa reclama respecto polo “sentido do pudor” das persoas que visitan o templo. 

Escultura de O Poder de Ramón Conde
photo_camera Escultura de O Poder de Ramón Conde

A peza “Os discípulos” que se mostra no balcón da Casa do Cabido é das que máis perturban á Igrexa. Situados en distintos espazos públicos, de maneira visíbel nos do Pazo de Raxoi e San Xerome no Obradoiro e o Cabido e o Museo das Peregrinacións en Praterías os corpos espidos de grande tamaño e dun intenso realismo provocaron unha singular protesta do cabido compostelán que se fixo pública en forma de nota de prensa na que as autoridades eclesiásticas desvincúlanse da mostra e especifican que a Casa do Cabido -onde se pode ver “Os discípulos”- non pertence a súa propiedade. 

O cabido afirma que a exposición “O Poder” de Ramón Conde está a producir queixas da veciñanza, de turistas e peregrinos e que os seus homes nus “firen a sensibilidade” daqueles que se achegan á catedral xa que a maior parte das esculturas instaláronse en dúas prazas que son accesos ao templo, o Obradoiro e as Praterías. “A liberdade de expresión debe respectar determinadas normas e espazos para un diálogo frutífero entre arte, cultura, sensibilidade relixiosa e sentido do pudor que anima a boa parte das persoas que se achegan á catedral de Santiago”, din no comunicado. A mostra poderase ver até o 28 de setembro. 

O dominio da natureza no Obradoiro e o da sociedade nas Praterías son os dous eixos da exposición de Conde nos espazos públicos de Compostela con pezas como “David e Goliat”, “O liderado” ou “Os discípulos”. 

Comentarios